VALENTÍN PAZ ANDRADE - Naron · Galegas neste 2012, porque, tal e como establecen os membros desta...
Transcript of VALENTÍN PAZ ANDRADE - Naron · Galegas neste 2012, porque, tal e como establecen os membros desta...
Letras Galegas 2012
VALENTÍN PAZ
ANDRADE
CONCELLARÍA DE EDUCACIÓN
SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Xornalista, avogado, economista, empresario, intelectual, investigador literario e histórico,
escritor e político. A polifacética traxectoria de Valentín Paz Andrade foi o que motivou a súa
elección por parte da Real Academia Galega como figura á que se dedica o Día das Letras
Galegas neste 2012, porque, tal e como establecen os membros desta institución , “este
home soubo plasmar o seu compromiso co país en diversas facetas, tanto no ámbito político,
empresarial como literario”.
FORMACIÓN
Naceu o 23 de abril de 1898 en Lérez (Pontevedra) e faleceu o 19 de abril de 1987 en Vigo.
Entre os acontecementos que viviu están a ditadura militar de Primo de Rivera, a República,
a frustración da autonomía galega, a Guerra Civil e a ditadura militar de Francisco Franco, a
restauración monárquica, a recuperación democrática e o novo Estatuto.
Estudou bacharelato en Pontevedra. Posteriormente estudou Dereito na Universidade de
Santiago de Compostela e licenciouse en 1921 con brillantes notas. Foi o seu tío, o poeta
Xoán Bautista Andrade, quen esperta os intereses pola literatura a Valentín Paz Andrade. Foi
el quen lle presentou a Alfonso Rodríguez Castelao, un dos intelectuais que máis influíu na
súa obra.
XORNALIMO
O xornalismo será o eixo central da vida de Valentín Paz Andrade. Comeza o seu labor como
xornalista en 1916 escribindo no xornal La Correspondencia de Pontevedra e en 1917 será,
aínda que só uns meses, xefe de redacción do xornal La Provincia. Semanario Popular
Independiente.
En 1918 foi sometido á súa primeira causa xudicial por un artigo que publicou no semanario
El Pueblo co título “El solar para la Artillería” no que insinuaba que existía corrupción por
parte da Comisión Técnica Militar á hora de decidir sobre os terreos onde situar os cuarteis
de Artillería. O asunto foi finalmente sobresido.
En 1921 marchou para realizar o servizo militar a Marrocos, lugar no que España estaba a
librar unha guerra colonial. Neste contexto da Guerra do Rif fixo de cronista de guerra para
diferentes xornais galegos desde África.
Entre 1922 e 1926 dirixe o diario Galicia, un xornal de carácter liberal, independente e
galeguista, no que tamén colaboran Castelao, Risco, Maside, Vilar Ponte... En 1924 Valentín
é condenado a un mes de cárcere polo carácter dos seus artigos debido á censura existente
durante a ditadura de Primo de Rivera, e este xornal pecha, polo mesmo motivo, en 1926.
En 1927 fundou a primeira revista técnica do sector marítimo Industrias Pesqueras, aínda
hoxe unha das máis veteranas no mundo das publicacións profesionais do mar. Foi director
desta publicación entre 1942 e 1987 e hoxe diríxea o seu fillo Alfonso Paz Andrade. Unha vez
máis, en 1957, ingresa no cárcere por publicar, nesta revista, un artigo da súa autoría
considerado crítico co réxime franquista.
Ao longo da súa vida, ademais de dirixir Galicia e Industrias Pesqueras, colaborou
asiduamente en diferentes publicacións como La Correspondencia Gallega, Alma Galaica, El
Noroeste, Gaceta de Galicia, Vanguardia Gallega, El Pueblo Gallego, El Sol, La
Calle, Industrias Conserveras, La Noche, Faro de Vigo, La Voz de Galicia,
Emigrante, Informaciones, Información Comercial Española, Vieiros, Grial, El País, etc.
AVOGADO E POLÍTICO
Durante a súa etapa de estudante de Dereito en Compostela é cando dá comezo a súa
militancia activa na política, máis concretamente, no nacionalismo. Pasou a formar parte do
movemento galeguista colaborando coas Irmandades da Fala e en 1919 participa na II
Asemblea Nacionalista realizando nun mitin en Compostela xunto con Antón Vilar Ponte, Luís
Peña Novo, Arturo Noguerol, Vicente Risco, Euxenio Montes e Castelao, reforzando con este
último unha relación política, ademais da relación de amizade iniciada anos antes en
Pontevedra e que xa nunca abandonarían.
Nun acto galeguista en Vigo en 1920 reclama a restauración da cadeira de Lingua e
Literatura galegas na Universidade de Santiago e faino en galego. Logo do acto orixinouse
unha manifestación dende a rúa Nova á praza do Obradoiro que tivo unha gran participación.
En 1929, aínda baixo a ditadura de Primo de Rivera, é escollido concelleiro da corporación
municipal de Vigo, aínda que a súa maior actividade se centra na avogacía.
Foi presidente do Grupo Autonomista Galego en 1930 e militante e secretario, desde 1934,
do Partido Galeguista. Participou, xunto con Lois Tobío, Carballo Calero e Vicente Risco,
membros do Seminario de Estudos Galegos, na elaboración do anteproxecto do Estatuto de
Autonomía de Galicia.
En 1931 foi candidato a deputado por Pontevedra nas Cortes Constituíntes polo Partido
Galeguista xunto con Castelao e Cabanillas, mais non sae escollido por mor dunha fraude
electoral.
A partir de 1927, Paz Andrade comeza a prestar servizos como avogado a unha organización
de armadores viguesa radicada en Bouzas, o que case lle custa a vida en 1932 a causa duns
disparos que sofre durante unha folga nos peiraos vigueses por parte duns traballadores
descontentos.
En 1936 sae do Partido Galeguista para pasar a formar parte das listas do Partido de Centro
Democrático, aínda que non saíu electo como deputado tampouco nesta ocasión. A través do
xornal El Pueblo Gallego fixo campaña a prol da aprobación do Estatuto de Autonomía do 36.
Tras o golpe militar, a implicación política de Valentín Paz Andrade no bando republicano
levouno a axudar na fuxida a varios dos seus camaradas, así como tamén a interceder, sen
éxito, pola salvación de Alexandre Bóveda. En setembro do 36 sufrirá tamén el a represión
franquista sendo desterrado a Verín durante tres meses, onde sufriu un atentado a mans
dunha cuadrilla falanxista do que sae ileso. Pouco despois, nese mesmo ano, foi enviado a
Requeixo da Queixa (Trives) para endurecemento da súa condena. Na soidade de Trives
coñeceu a súa futura esposa, dona Pilar Rodríguez Prada coa que casará en 1939, e coa que
tivo o seu único fillo en 1940, Alfonso, así chamado en homenaxe a Castelao. A finais do 37
pode regresar a Vigo, onde recupera lentamente a súa actividade profesional.
En 1939 volve ser desterrado a Villanueva de la Serena (Badaxoz) de onde o saca finalmente
o presidente da sociedade La Marítima, Manuel Xestoso Costas, enviándoo a unha reunión en
Bilbao da Federación Española de Armadores de Buques de Pesca na condición, non perdida,
de asesor xurídico dos empresarios de Bouzas.
Despois da morte de Franco, formou parte da 'Comisión dos 10' , Comisión negociadora da
Transición, da oposición democrática en representación de Galicia (con Cañellas, Felipe
González, Tierno Galván, Jordi Pujol, Santiago Carrillo, etc) para negociar co goberno de
Adolfo Suárez os pasos a dar para a transición democrática. Entre 1977 e 1979 foi elixido
senador por Pontevedra, dentro da Candidatura Democrática Galega e foi defensor da
autonomía desde posicións críticas.
EMPRESARIO E INTELECTUAL
O mundo do mar e da pesca foi unha das súas principais actividades profesionais. Ademais
de fundación da empresa Pescanova, realizou numerosos estudos, ensaios e conferencias
sobre este tema.
Destacamos o seu primeiro libro técnico Los puertos nacionales de pesca en España.
Aportación al estudio del problema, obra publicada en 1928.
Na década dos 50 foi comisionado pola FAO (Organización das Nacións Unidas para a
Alimentación e a Agricultura) para favorecer o desenvolvemento da pesca en Latinoamérica.
Así, impartiu cursos sobre economía e xurisprudencia pesqueira, ao tempo que escribiu
numerosos ensaios sobre a cuestión e colaborou asiduamente en xornais da época. A estadía
en América foi, ademais, aproveitada para recuperar o contacto co galeguismo do exilio,
especialmente co Centro Gallego de Buenos Aires, que, en 1955, publicou o seu libro de
poemas Pranto Matricial, en memoria de Castelao, e, en 1959, Galicia como tarea, unha
escolma das súas conferencias sobre a situación económica e política de Galicia impartidas
no mesmo Centro Gallego, e que constituíu un verdadeiro manifesto político nacionalista de
signo progresista. Ademais, a FAO publica as leccións de Paz Andrade no libro Principios de la
economía pesquera. En 1960 participa na fundación, con capital do industrial lucense Xosé
Fernández López, da empresa Pescanova, da que foi designado vicepresidente e á que en
moi pouco tempo consegue, grazas ao seu profundo coñecemento do sector, converter na
maior armadora europea de buques conxeladores.
Valentín Paz Andrade ademais de mostrar a súa preocupación pola situación socio-económica
de Galicia en diferentes artigos periodísticos, fíxoo tamén a través de obras como Galicia
como tarea, La marginación de Galicia, El capital como factor del desarrollo de Galicia, El
sistema económico de la pesca en Galicia, Producción y fluctuación de las pesquerías, ou Los
derechos sobre el espacio marítimo.
Como escritor de literatura publica a súa obra de poesía Pranto matricial; o ensaio
literario La anunciación de Valle Inclán ; o seu segundo poemario, Sementeira do vento , que
recunca e amplía os temas xa recollidos en Galicia como tarea. En 1964 foi proposta a súa
entrada na Real Academia Galega por Otero Pedrayo, Domingo García-Sabell, Xesús Ferro
Couselo e Francisco Vales Villamarín. No entanto, o seu ingreso non foi posible ata o 11 de
febreiro de 1978, cando leu o discurso A galecidade na obra de Guimaraes Rosa, ao que deu
resposta Álvaro Cunqueiro. Neste mesmo ano publicou o libro de poemas Cen chaves de
sombra e, no 1982, deu ao prelo Castelao na luz e na sombra, a biografía máis importante
que existe sobre Castelao. En 1985, publica Galiza lavra a sua imagen, obra na que agrupa
traballos diversos que mesturan a erudición coa interpretación de moi diversas cuestións.
Paz Andrade amosa tamén a súa preocupación política en artigos como O modelo federal
para a constitución do Estado galego da obra Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao
Seminario de Estudos Galegos (1978).
Con respecto á lingua galega, Valentín Paz Andrade defendeu a ideoloxía do
reintegracionismo lingüístico e incluso preside en Pontevedra unha reunión da comisión por
un “Acordo ortográfico común”. Esta ideoloxía lingüística deféndea e reflíctea en diferentes
obras como, artigos, entrevistas,…
PREMIOS
Como consecuencia de todo o seu labor, tanto xornalístico como literario, foi galardoado en
numerosas ocasións:
Foi elixido membro da Real Academia Galega (1964)
Foi elixido membro da Academia Galega das Ciencias (1985)
Recibiu o Pedrón de Ouro (1975)
Recibiu a medalla da Cidade de Pontevedra (1979)
Recibiu a medalla Castelao (1984)
Recibiu a medalla de ouro Cidade de Vigo (1986)
Recibiu o premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (1986)
ÚLTIMOS ANOS
En 1985 ingresa na Academia Galega das Ciencias cun discurso sobre un matemático galego
O home dentro do sabio: Pedro Joseph Bermés (1770-1824).
Ata a súa morte en Vigo, en 1987, a presenza de Paz Andrade en conferencias, entrevistas,
homenaxes e recoñecementos é constante. En todas se pode constatar unha preocupación
sobre o camiño que estaba tomando o proxecto autonómico.
BIBLIOGRAFÍA ESENCIAL
En galego
Pranto matricial. Edicións Galicia, Buenos Aires, 1955. Sementeira do vento. Galaxia, Vigo, 1968. A galecidade na obra de Guimaraes Rosa. Edicións do Castro, Sada, 1978. Cen chaves de sombra. Edicións do Castro, Sada, 1979. Castelao na luz e na sombra. Edicións do Castro, Sada, 1982. Galiza lavra a sua imagen. Edicións do Castro, Sada, 1985. Epistolario. Edicións do Castro, Sada, 1997.
En castelán
Los puertos nacionales de pesca en España. Aportación de Vigo al estudio del problema. Unión de Entidades Viguesas, Vigo, 1928.
Producción y fluctuación de las pesqierías. Unesa, Madrid, 1954. Principios de economía pesquera. FAO, Chile, 1954. Sistema económico de la pesca en Galicia. Citania, 1958.
Galicia como tarea. Edicións Galicia, Buenos Aires, 1958. La anunciación de Valle-Inclán. Losada, Buenos Aires, 1967. El capital como factor de desarrollo de Galicia. Banco del Noroeste, A Coruña 1970. La marginación de Galicia. Siglo XXI, Madrid, 1970
Xornalismo, poesía e ensaísmo económico, literario ou político, son as ocupacións da ampla
bibliografía de Paz Andrade. A continuación presentamos unha escolma de textos das súas
obras poéticas Pranto matricial, Sementeira do vento e Cen chaves de sombra.
Pranto matricial foi un
libro de poemas escrito
en memoria de Castelao.
Pranto
matricial
1 O que todo galego choraría Chora, terra, teu pranto
Das augas, e dos eidos, e dos ares,
as vivas páreas cósmicas da raza,
en mantelo de brétemas envoltas,
que noso fin ao noso orixe ligan.
Deita nas aurias leiras do horizonte
labradas de solpores e de abrentes,
en ádoas de luz a debullarse,
as sementes feridas da túa dor.
Arpa de nobres cordas esquecidas
ceiba teu son no corazón retido,
e fai acordes en total latexo
almas, paxaros, ríos e paisaxes.
Chora, Terra, teu pranto xeneroso.
O que todo galego choraría,
en roda de multánime silencio
e ollares abatidos,
sobre do longo corpo derrubado
que fora vivo mastro en loita núa;
perto daqueles beizos, seca fonte
da verba nunca dantes máis belida;
do peito petrucial, refrorecido
de mapoulas pampeiras,
que envexan a nacencia das chorimas;
xunto das postas maos voltas ao xelo,
onde a eito agromaron do seu arte,
no cerne da galega patronía,
vizosas primaveras.
Chora, Terra, teu pranto matricial.
O que todo galego choraría,
se inda chorar puidera,
até cubrir de bágoas o mare.
2
Dor da paisaxe Das augas deloridas, doce pranto que escorra pola face das alboradas,
deica a raíz das herbas,
destilado na pinga dos orballos,
e dea seu latexo a noite e día
nas rezadoras choivas que soerguen
o canto-chao das tellas,
e o responso románico das gárgolas
sobre as pedras mortas de Snt Yago.
O cristalino pranto manadeiro
polos ollos das pontes,
onde o pulso dos ríos esmorece,
e se acugula co solpor calado,
na verdecida soidade dos vales,
toda a dor da ribeira sen cantigas,
dos cruceiros e as ánimas sen luz,
dos camiños sen lida labradora,
dos fogares sen sangue gomarizo.
Pranto baril dos ventos galgadores
alimentados co sal da Ría,
que xa non baten velas de Rianxo,
e te chaman, Daniel, con voz ferida,
-nas agullas dos lentos piñeirales,
verdes coros arpados do Salnés-
ou con voz dos abismos, roncadeira,
na crátera fadal das oleaxes,
pé das rochas de Sálvora.
O salaio de ferro das motoras,
coa agonía da néboa e dos naufraxios,
chámante polas bocas de Marín;
e o nacarado choro das buguinas,
uibando nos salgados areales,
sobre as laxes rachadas dos cantiles,
nos cabos onde escachan as tormentas…
co folgo máis sostido e sonoroso
que brotara de peitos mariñeiros.
E aló, nos curutos desnevados
das serras estremeiras,
ou polas corredoiras dos lugares
esquecidos no ermo,
a corna inxel que tallan os pastores,
buguinada da urce,
ceiba tamén no azul fanal aberto
a coita da montaña taciturna,
ferida polo mesmo desconsolo.
3
A terra e os sinos
Foi a terra levada,
barro materno ao barro teu xuntado,
con líricos loureiros,
no camposanto de Padrón unxidos
polo amor e a dor de Rosalía…
sagra primeira estrofa deste pranto.
Para compoñer as outras,
tanguidos a unha man de Sul a Norde,
os sinos todos das eirexas todas
que por todos redobran,
e tamén se ouvirán polos escuros,
non recollerán no coral de bronce
a dimensión da nosa desventura.
Por ti, Daniel, a máis dos campanarios,
siñaleiros da morte empadroada,
han de dobrar, da vida, acentos novos;
han de dobrar as cordas dos espíritos;
das cousas, seus metales:
das cousas,
nas que os homes deixamos en anacos
4
Alá lonxe… Que se escoiten agora
seus líquidos acentos alá lonxe,
vibradoiros na libre
rede dos meridiáns ultramarinos.
E mergullen, Daniel, no mesmo pranto
os ronseles postreiros
das túas singraduras á deriva
abraiante de Marte;
dende o trópico a fogo pintigado
ao balbordo de Hudson, e ás peladas
serras de Araucania.
En Cuba se derramen, e no Mare
de Cortés, e no ardente
mato dos bandeirantes paulistamos,
e nas punas do inca,
e nas pampas do gaucho cabalgadas,
con Don Segundo Sombra polos médanos.
Océano de terras
escontra o dique sísmico dos Andes,
mexido polo zonda sequioso
e por quillas sen leme navegado;
natureza auroral que se espreguiza
co inxerto de vidas esgazadas;
foro aberto do mundo,
onde a estrela dos parias tamén loce;
mapa de libramento presentido,
onde o sangue romeiro dos galegos
a ventureira vocazón renova.
5
Teu destino
Sementador leixado,
peregrino namorado dos roteiros
cara o destino da Galiza abertos;
flor das vidas chagadas na acedume
incerta do desterro:
o de morrer alá teu sino era.
Alá, sen escoitar as elexías
do violín dos cegos,
e a zanfona de pedra dos Profetas,
que tan só por ti soar puidera,
O de morrer sentindo na agonía,
a quentura arterial dos emigrados,
lonxe do morno ollar das Dolorosas
talladas ao respaldo dos cruceiros.
O de ancorar a nao, desarborada,
nos peiraos de alén-mar,
abrindo regos novos á saudade;
reencendendo os pábilos da ialma
na Galiza migral, e na Galiza
que aínda agarda, Daniel, o teu retorno…
6
Cando ti volvas… Na matricial Galiza, sempre túa,
que dende a Torre de Hércules ao Miño
un facho acenderá por cada illa,
cando ti volvas polo mare;
de toxo unha fogueira en cada monte,
cando ti volvas polo mare;
dos castros na coroa unha cachela,
cando ti volvas polo mare;
unha loura candea en cada pino,
cando ti volvas polo mare;
o seu cirio de frouma os alciprestes,
cando ti volvas polo mare;
luces de ardora branca en cada mastro,
cando ti volvas polo mare;
un farol mariñeiro en cada dorna,
cando ti volvas polo mare;
veliñas á xanela en cada casa,
cando ti volvas polo mare;
e as pérolas das bágoas derramadas,
cando ti chegues polo mare,
cando ti chegues polo mare…
Sementeira do vento
inclúe unha escolma de
poemas de diferentes
épocas. Aparecen os
ecos dos desterros en
Estremadura e en Serra
de Queixa, xunto a
homenaxes ao mar, ao
vento, á emigración, aos
mariñeiros,… ademais
inclúe os seis poemas de
Pranto matricial.
Sementeira
do vento
Rústicas nais
Na cruz dos vosos corpos dobradizos
sobre os agros de pan,
as raíces do barro floreceron.
Sangue o centeo foi,
o millo carne,
enfornados ao longo dos invernos
entre leira e lareira.
Só pola lei dos glóbulos que escoan
de vedrañas nacentes
a se xuntar na vosa ánfora salva,
aínda Galiza escoita o seu latexo,
as súas cores loce
sen adobíos emprestados,
no viveiro dos pobos en promesa,
como roseira que mantén vizosos
o ouro do seu polen,
de pétalas e arume o seu tesouro.
Longas maternidades
reschoradas a fío no mandil,
para longas anadas sen amor,
o lenzo a relembrar das despedidas
trestemido no ar,
e a seguir para os tortos asoballos
da vida en soidade,
para o bater das neves e das chuvas,
para fames e loitos e naufraxios.
Mais pola seiva morna que alimenta
a ramada baril das vosas veas,
pola candea que nos vosos peitos
reencenden as fontes matriciales
e os cruxoles do ser da nosa xente
coa voz que criou,
ás cinzas do pasado que destilan
nos úteros do tempo para vir…
aínda nós somos nós.
A mesma mao para o sacho e para a teta,
na Virxe e no trasno a mesma fe,
un agarimo ao neno,
outro agarimo
a benquerida sombra que deixara
no leito de follatos
o home que foi voso aquela noite.
Firmes seos de nai onde amadriga
das sementes o celme
para recebar as íntimas fontelas
das que recibe o seu feitío o ser,
e para fundir nos eslabóns do sangue
os acentos no pobo xenerados,
o fomento da loita,
a vontade de amar e residir.
Rústicas nais de entranas repartidas
entre os fillos e os eidos,
cal se nos hemisferios da crianza
tamén zugarán os meniños leite
das úberes da Terra.
Eu sinto día e noite a me roer
a cega dor da vosa carne lúcida,
parideira de brancas andoriñas
no cedo xa tolleita para o amor,
a se trocar varona de mantelo,
sempre coa sorte revirada en trinca
ao timoeiro da pobreza.
Tamén sinto a desonda
do voso matriarcado escurecido,
orfo de lúa e de luceiro orfo,
a devalar axiña
sobre os areales do presente
e cara as parameiras do porvir.
E se sinto unha esperanza,
ou na destinación do noso pobo
ou na perpetuación do noso ser,
arquiveiras da esencia dunha raza!
non é senón aquela
que aínda podemos pór agora e sempre
na virtude baril do voso leite.
[Pousa Nova do Mar, 1966]
As úberes do medo
Se isto é vivir… eu vivo
vivo aínda
neste val de viventes espantallos
munxidores das úberes do medo,
mais a xeito dun prófugo da morte,
que por teima dos outros
houbo de recuncar quixera ou non,
nos arriscados xogos de facer
ventureiro resgate da súa vida.
Experimentei en quente catro veces
mal gobernada Dona da Gadaña!
o axexo dos teus tarsos…
nos meus pasos,
e o tronce dos aceiros tolleodres
ou a facer peneira no meu coiro,
ou a trillar meus osos
e deixar debulladas pola area
espigas do meu sangue.
Fuxir fuxín con vida…
non sei como,
aos tiros dunha banda arremesados
e os pelouros da outra,
para aboiar despois facendo o morto,
como cortiza a flote
mexida no ir e vir de cada ola,
sen bourel de loureiro
ao pairo polas augas de ninguén.
Cando a febre do chumbo viña a menos
ou viraban as lúas,
seus ferrollos abrían as cadeas
ou súas soidades os desterros,
e non faltaban no poleiro galos
con gorxa de papel de oficio chea,
para me pór á sombra
ou me liscar co demo unha tempada.
Escomasí o meu remorso sinto
de non ter até agora merecido
tantos fanados holocaustos
e condecoracións do… revirallo,
tanto calafateo de suturas
e versiculación de cicatrices,
tanto derramamento de garoubas
que atinguiron os brancos
e marraron no fin,
tanto xemer de folios e de ferros
mexido contra aquelo…
que non fun.
Farei nunca reconto dos aldraxes
que nas táboas da lei que o pobo dita
non teñen cabemento
ou son aínda máis que mágoa honra.
Un non ha ser tan solo
a suma do que quixo e do que fixo,
illado na súa illa,
a forza remador contra corrente,
pois os rodicios da inxustiza allea,
contra do non querer do muiñeiro
tamén moen para un.
O tempo foi correndo
nos reloxos sen corda moitas veces,
e nas vísperas de días que virán
van indo xa de seca pouco a pouco
as úberes do medo.
Pois mentres agardamos, agardamos…
a mudanza do sino,
eu confesar quixera boamente,
que se non fixen da desgraza sorte,
sempre tomei a ben aquelo todo
que por mal me foi feito.
Algún refrán dixo de vellos que…
cando non nos acaban
tanto os paus como as dores fortalecen.
[Vigo, 1966]
As miñas horas sen ti…
Amor;
Lonxe da túa voz o meu ouvido
sen ter o mel de sonos que viñera
a me enlevar na doce transparencia…
horas escuras son
as miñas horas.
Sen o regueiro azul do teu ollar
nos pousos da verdade cada cousa,
nin a cunha ateigada da túa mao
para sede de luz do meu espírito…
horas de area son
as miñas horas.
Sin o ar dos teus pasos
ao pé dos meus no mesto labirinto
que ha percorrer o tren das arelanzas
onde fan seu viaxe nosas vidas…
horas sen rumo,
cegas singraduras,
son as horas,
amor,
sen ti vividas.
Sobresolares horas do México
maduro
e tamén verde,
nas razas de obsidiana e de limón,
no sangue feito pedra de pirámides
que aínda escoa na historia,
siñada pola serpe e o quetzal.
Horas da Veracruz dos marimbeiros,
madrepórica filla das marés,
corpo na bris do Golfo
sobre pés de corais
e cadril de mestizas abalado.
Do Guanaxato de ouro
e de Tasco da prata,
vividuras de gloria esmorecida
dende o fulgor dos séculos mineiros.
Das noites de Acapulco
no luaral Pacífico arxentadas,
con dormición de Venus nas areas
e sensual ondulación do mar
no colo das caletas.
Horas reverdecidas na esmeralda
sabaneira dos chibchas,
con Santa Fe de Bogotá e da Chuva
cuberta pola sombra de Ximénez
e o bafo dos cabalos de Bolívar.
Horas do Cauca longas
de languidez procesional do río
rimadas na nocturna
sonata da arboreda adormecida
polo arrolo das garzas,
e a lírica gorxa do turpial,
Mañáns do Mato Grosso,
co sabiá cantor nas mangabeiras,
fatos de garimpeiros aos diamantes,
vaqueiros e boiadas
ao trote nas veredas do sertao.
**
Horas das travesías esteares
nos desertos do éter navegadas,
sen quentura de peitos,
agarimo de falas
nin paisaxe amantío,
levando sempre a morte suspendida
do folgo dos mecánicos pegasos.
Horas esvaradizas
pola fraga de ferro das cidades
e a cobra das estradas,
onde ferven motores, ferven razas,
baixan os urubús cheirando a prea
aos recintos da xente,
e asoballando a vida que tiñamos
o galope dos dólares redobra.
Horas sen ar do trópico amarelo
queimadas nas raxeiras litorais,
xunto o espeso xermolar da cénaga
e a barba lacustre do manglar,
ou na farra criolla,
feira dos semellantes entintados,
xemida en tangos e mexida en rumbas
nos esturdios caixóns dos “night club´s”.
**
As miñas horas que para ti naceran,
as a eito vividas de maos dadas
denantes ter do noso lar fuxido…
as miñas horas que para ti naceran
baixo un ledo repique de campás…
revivirán somentes
cando a túa
quentura globular reviva en min,
cando aos meus brazos tornes
orballada
polo luar das noites da Galiza,
envolta aínda
no resplandor da chama
que acendes a cotío na lareira
onde quece os seus sonos o noso amor.
[São Paulo, 1959]
Cen chaves de sombra é
unha colectánea de versos
de diferentes épocas, pois
inclúe fundamentalmente
poemas do desterro en
Serra de Queixa e da
transición política. Son
catro agrupamentos de
poemas: “Ora na hora”, “As
cinzas de Marte”,
“Romanceira de Casteligo”
e “Agora eres canzón”.
Cen chaves de
sombra
As palabras Vén o ar ateigado de palabras,
cada mañán chamando aos nosos vidros,
para pór a xermolar son e semente.
As palabras de cote están falando
e somos nós os xordos ao mensaxe
que no seo das sílabas carrexan.
Polas palabras somos outra cousa,
e non primaz materia dunha besta,
só desbravada en nós polas palabras.
Son palabras as ondas do gran río
da fala, que morre un pouco e nace
do mencer ao luar de cada día.
A eito marteladas nos falares
do pobo, que as mestura ao seu suor,
limadas cal semánticas moedas
nas forxas oficiais do saber,
sempre as palabras teñen lei de onda
a devalar na vida dos demais.
É de palabras a primeira música
que dá tremer de luz ao noso tímpano,
e de palabras o primeiro río
que verte ao noso canle súas ondas,
e se fai subterráneo en cada noite
para renascer no leito das auroras.
Denantes das palabras foi a choiva
linguaxe de cristais da natureza,
de verticales sílabas composto,
elemental vocabulario líquido
das claves seminales sobre a terra,
a descifrar polas meniñas da alma.
Palabras insonoras baixo o sono
como peixes de acuarium apagado
que a memoria repesca na vixilia.
Palabras e memoria dúas forzas
que xa casadas nascen lonxe, lonxe…
no orbe prebabélico do home.
E cando chega a morte a nosa beira,
cando nos pasaporta para o nada,
o que de certo pasa e se rexistra,
o que nos deixa listos para o embarque
na dorna por Caronte tripulada…
é o naufraxio de todas as palabras.
[Vigo, 1970]
Non escoitedes Non escoitedes voz onde non trema
o vidro do seu tempo,
mainamente,
como na pel das augas treme a bris
tinguida no brancor dos amieiros.
Non escoitedes voz na que se esquezan
as raíces do barro que nos dou
feitío de criaturas,
amor pra repartir cos semellantes
quentor do noso sangue.
Non escoitedes ecos en retorno
dos paredóns da morte.
A vida virá sempre a sulcos novos
pra se facer fecunda
no grao de cada espiga.
[Pousa Nova do Mar, 1977]
Noso Alexandre, mártir Trinta e seis, trinta e seis, trinta e seis…
Taquicardia da historia dunha imaxe
con pulsación esmorecida.
Trinta e seis, trinta e seis, trinta e seis…
Que ancho o peito teu para os balazos,
con corazón equidimensionado,
alcouve pola idea frolecido,
Que regueiro de folgo pra unha fe
por un agosto tráxico xiado,
ao despuntar un día a mañanciña!
Trinta e seis, trinta e seis, trinta e seis…
Toda a xeografía da Galiza,
eiquí as aldeas, acolá as cidades,
da miñota fronteira até Teixido,
da Curota ao Caurel,
alí cabía dun costado a outro
mapa do corazón comprometido,
augas, montanas, pobos,… que lavabas
cal loriga carnal do pensamento,
aquel da Galiza acriboada
ao cuspir os fusiles sobre ti.
Trinta e seis, trinta e seis, trinta e seis…
Sete cruces na tampa como escudo,
sete cruces e o calix do Grial,
tatuaxe azul dos símbolos amados,
unha terra a ceibar de alleas poutas,
unha xente a curar da praga exódica,
unha patria a facer.
Sete, catorce… tiros na Caeira,
contra un pino dos himnos de Pondal,
contra un pino de froumas a cair,
contra un pino de ponlas a chorar!
Trinta e seis, trinta e seis, trinta e seis…
E unha bandeira da Galiza a furto,
cadaleito a pechar,
para o teu peito aquecer no máis alá.
[Vigo, 1976]
Canto ao Catro de Nadal
Galiza abría os ollos despois da negra sombra
que murchara no cedo as roseiras de abril.
De novo puña os pés no camiño de volta
ao encontro de forzas circias dentro de si.
As rúas eran ríos de peitos xa rimados,
na arela de facer unha patria coas mans,
desxugar cabezallas que esmagan os destinos
devolvendo aos galegos a imaxe do seu chan.
A pulsación do pobo a devalar no asfalto
reinzou as calzadas de latexos votivos,
de calcañares firmes na fe remanecida
de que non máis seremos os decote vencidos.
A voz autonomía cobrou azas de pomba
que os sonos arrolara do pobo a camiñar
A voz autonomía quente de pulsos ledos
debullou a súa mensaxe no sangue popular.
Labregos a esquecer o símbolo da fouce,
mariñeiros en terra pola Terra a remar,
os señores collidos do brazo dos obreiros,
mulleres das aldeas con donas da cidá.
As viúvas e os orfos das vendimas noitebras,
e os das segas lívidas rente do paredón,
da súa dor sacaron contrición de silencio
e na ara da Terra cancelaron súa dor.
E ninguén reclamaba desforra nin ordalío,
nin das vellas feridas cicatrices furgou.
Tódalas voces unha erguendo o mesmo canto,
tódolos berros berro de reliberación.
A bandeira galega na destra tremeloce,
ao compás reondean símbolo e corazón.
As prazas eran urnas traslúcidas e abertas,
quiñentos mil sufraxios e brazos un millón.
Repican bronces novos nos vellos campanarios,
voces remanecidas desde a raíz do tempo,
a Galiza de onte e a Galiza de hoxe,
alicerce e palanca do mesmo pensamento.
Galiza dixo agora na linguaxe de Euclides,
súa palabra acesa nas luces de mañán,
quere facer a pulso seu anaco de historia
con ferramenta dócil ao sangue matricial.
[Pousa Nova do Mar, decembro 1977]
BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA
Carballa, Xan. Biografía de Valentín Paz Andrade. Editorial Galaxia, Vigo, 2012.
Carballa, Xan. Valentín Paz Andrade. Antoloxía. Editorial Galaxia, Vigo, 2012.
Información sobre a vida e obra de Valentín Paz Andrade na web:
Páxina web da Real Academia Galega: http://www.realacademiagalega.org/letras-actual
Páxina web sobre a figura de Valentín Paz Andrade da Consellería de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria: http://www.valentinpazandrade.es/