Tecín soia a miña tea
description
Transcript of Tecín soia a miña tea
Tecín soia a miña tea,
sembrei soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
el non ha de virme a erguer,
el xa non me pousará.
¡Que tristeza! O vento soa,
canta o grilo ó seu compás...
Ferbe o pote... mais, meu caldo,
soíña te hei de cear.
Cala, rula, os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que si cantas
sinto negras soidás.
O meu homiño perdeuse,
ninguén sabe en onde vai...
Anduriña que pasache
con el as ondas do mar,
anduriña, voa, voa,
ven e dime en onde está.
1. Le o poema e explica o significado destas palabras: carrax(e), soidás, anduriña, arrulo
2. A protagonista do poema é unha campesiña nova.• Describe o mundo da protagonista• Indica cales son os seus compañeiros.• Di que función cumpre no poema o canto da rula e o son do grilo
3. Divide o poema en dúas partes segundo se refira á realidade exterior da protagonista ou á interior.
4. Fai a análise métrica do poema, rima e o ritmo.
5. Explica os seguintes recursos empregados no poema: repeticións, paralelismos, antíteses. Por que cres que emprega estes?
6. Sitúa este poema no libro de Follas Novas.