Québec, unha nación - galizasempre.org ·...
Transcript of Québec, unha nación - galizasempre.org ·...
FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE
1
IDEAS IMPRESAS 2 | Setembro 2003 QUEBEC: UNHA NACIÓN Aproximación á súa realidade política e institucional Ana Miranda
2
INTRODUCIÓN As organizacións do nacionalismo galego preocupáronse sempre por manter unha
intensa relación con partidos políticos, asociacións e movementos populares de fóra da Galiza promovendo o intercambio, a solidariedade e o enriquecemento mutuo.
Para contribuír a que eses lazos e intereses se consoliden, a Fundación Galiza Sempre
desenvolve un Programa de Intercambio e Cooperación internacional que persigue tamén a difusión da nosa realidade e a da traxectoria social e institucional da expresión política do nacionalismo galego.
Con eses obxectivos promovéronse os encontros políticos que agora presentamos.
Celebrados en Quebec e Montreal no mes de xaneiro de 2003 buscaban un mellor coñecemento da realidade do Quebec e do movemento democrático a prol da súa soberanía nacional.
A delegación galega, composta por Camilo Nogueira, Secretario de Relacións Exteriores
e eurodeputado do BNG, Carlos Aymerich, Deputado do BNG no Congreso, e Ana Miranda, Asesora parlamentar no Parlamento Europeo e especialista en relacións internacionais, mantivo diferentes reunións con partidos políticos, institucións e asociacións.
Deses intercambios pode destacarse a percepción de que toda a sociedade civil do
Quebec ten unha base de común acordo sobre a situación da soberanía: Quebec é unha nación e como tal, necesita dun Estado para garantir os seus dereitos e actuar na realidade mundial. De forma tranquila e con instrumentos de consenso, foise tecendo a actual situación de Quebec que, sen ter acadado o status de Estado, funciona na práctica en moitos temas como un Estado mesmo, partindo desa vocación común do seu autorrecoñecemento como nación a nivel civil.
Coa publicación das principais ideas e informacións recollidas desexamos introducir a lectores e lectoras na realidade política do Quebec.
Agradecemos a axuda prestada na organización deste encontro pola Delegación Xeral
do Quebec en Bruxelas, en especial a da súa Directora Mme. Nicole Stanfford, polo Ministerio de Relacións Internacionais de Quebec a través de Marie Krönstom e pola Oficina de Quebec en Barcelona por medio da súa Directora MªJesús Bronchal. Fundación Galiza Sempre Setembro 2003.
FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE
3
ÍNDICE CRONOLOXÍA ORGANISMOS INSTITUCIONAIS
• Encontro na Asemblea Nacional • Encontro co director do Consello Superior da Lingua Francesa • Reunión no Ministerio de Relacións Internacionais
PARTIDOS POLÍTICOS:
• Parti Québécois (PQ) • Bloc Québécois (BQ) • Parti Libéral du Québec (PLQ)
OUTRAS ORGANIZACIONS • Mouvement national des Québécoises et Québécois (NMQ) • Universidade McGill
QUEBEC NA REDE QUEBEC.CIFRAS NA MAN
4
Cronoloxía política e constitucional de Quebec 1608: Fundación de Quebec en nome do Rei de Francia 1642: Fundación de Montreal 1760: Capitulación de Montreal e estabelecemento do réxime británico 1763: Proclamation royale (primeira Constitución) 1744: Acte de Québec (segunda Constitución) restabelecendo as leis iniciais francesas 1791: Creación do Alto-‐Canadá (Ontario) e do Baixo-‐Canadá (Quebec) 1840: Creación do Canada uni, fusión do Alto e o Baixo Canadá 1867: Acta da Confederación canadense 1931: Estatuto de Westmister, que recoñece a autonomía de Canadá en materia de relacións exteriores 1942: Referendo sobre a separación 1954: Comisión Tremblay en favor do reforzamento dos poderes do Quebec 1960: Chegada ao poder de Jean Lesage (Parti libéral du Québec). Revolución Tranquila 1967: Fundación do Movemento pola soberanía 1968: Reelección do Parti libéral du Québec no Canadá. Fundación do Parti québécois (PQ) 1969: Lei federal sobre as linguas oficiais. Adopción en Quebec da Lei 63 (Lei de promoción da lingua francesa) 1970: Crise de outubro. Elección do Primeiro Ministro de Quebec (Robert Bourassa) 1974: Adopción en Quebec da Lei 22 (Lei sobre a lingua oficial) 1976: Elección do Parti québécois, primeiro partido nacionalista soberanista que accede ao poder (René Lévesque elixido Primeiro Ministro) 1977: Adopción en Quebec da Carta da Lingua Francesa (Lei 101) 1979: A Corte Suprema declara inconstitucional o capítulo 3 da Lei 101 1980: Referendo en Quebec sobre a soberanía-‐asociación, a poboación oponse maioritariamente a que o goberno negocie un novo acordo con Canadá (o Non obtén o 60% dos votos e o Si o 40%)
FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE
5
1982: Repatriación a Londres da Constitución canadense de 1867 coa negativa de Quebec de asinar a acta de Constitución de 1982 1984: A Corte Suprema invalida a cláusula Quebec da Carta da Lingua Francesa 1987-‐1990: Fracaso dos Acordos de Lago Meech (a proposta de atribución dun Estatuto distinto para o Quebec non acada a unanimidade nas provincias canadenses) 1990: Creación do Bloc québécois (BQ) con vistas a promocionar a soberanía do Quebec no Parlamento Federal de Canadá 1992: Referendo canadense sobro o Acordo constitucional de Charlottetown: negativa do referendo nacional sobre a atribución dun estatuto especial para o Quebec 1993: O Bloc québécois (BQ) pasa a ser a oposición oficial na Cámara dos Comúns de Ottawa 1994: Fundación do partido Action démocratique du Québec (ADQ). Eleccións xerais e victoria do Parti québécois (Jacques Parizeau elixido Primeiro Ministro) 1995: Entente tripartita entre o Bloc québécois, o Parti québécois e a Action démocratique du Québec con vistas a unha proposta de asociación con Canadá de cara ao referendo. Consulta da poboación sobre o futuro do Quebec (o Non obtén o 50,6% dos votos e o Si o 49,4%). Dimisión do Primeiro Ministro 1998: Eleccións xerais e vitoria do Parti québécois 2003: O 14 de abril o Parti libéral du Québec gaña as eleccións. Os resultados na Asemblea Nacional, composta de 125 deputados foron os seguintes: -‐Parti libéral du Québec: 76 deputados (22 mulleres) -‐Parti québécois: 45 (15 mulleres) -‐Action démocratique du Québec : 4 (1 muller)
Encontro na Asemblea Nacional do Quebec Quebec, 10 de xaneiro de 2003
François Beaulne, Vicepresidente da Asemblea Nacional (Parti Québécois) Diane Leblanc, Deputada da Oposición Oficial (Parti Libéral)
.
6
O sistema de partidos no Quebec
A Asemblea Nacional, composta por 125 deputados elixidos en cada unha das circunscricións de Quebec, é a instancia suprema e lexítima de expresión e posta en práctica dos principios democráticos do goberno.
Coa excepción de dous períodos de arredor de dez anos, o bipartidismo foi unha
constante do sistema parlamentar de Quebec no século XX. Ao principio do século, liberais e conservadores ocuparon todos os escanos da Asemblea. No fin de século, o Parti québécois e o Parti libéral só deixaron un escano a outro partido, a Action démocratique du Québec.
Mesmo coa desaparición dos conservadores, a constante do bipartidismo mantívose até o momento actual. Os que apoian un sistema bipartidista argumentan ao seu favor a estabilidade e a eficacia e apostan pola conciliación interna de diversas tendencias para poder contar con votos máis próximos ao outro partido. Os argumentos favorables ao pluripartidismo poñen exemplos de democracias europeas nas que os gobernos de coalición son a tónica dominante e habitual. Consideran que o pluripartidismo favorece a concertación e evita os abusos de poder. Este é un tema de actualidade moi presente nos medios de comunicación de Quebec e na doutrina xurídico-‐política.
A Asemblea Nacional segue o réxime parlamentar británico, por iso o partido que acade a segunda praza en votos cualifícase, na terminoloxía da Asemblea, como Oposición Oficial. As fontes do dereito parlamentar son a Lei Constitucional de 1867 e a Lei Constitucional de 1982. O mandato está estabelecido en 5 anos e o funcionamento interno da Cámara, as funcións e a organización recóllense no seu Regulamento. Existen 11 Comisións parlamentares, todas sectoriais menos as dúas primeiras:
-‐ Comisión da Asemblea Nacional -‐ Comisión da Administración pública -‐ Comisión das Institucións -‐ Comisión de Finanzas públicas -‐ Comisión de Asuntos Sociais -‐ Comisión de Cultura -‐ Comisión de Economía e Traballo -‐ Comisión de Agricultura, Pesca e Alimentación -‐ Comisión de Ordenación territorial -‐ Comisión de Educación -‐ Comisión de Transportes e Ambiente
A Asemblea mantén Relacións Interparlamentarias de grande interese pola súa
diversidade temática e territorial. No cadro das relacións multilaterais destacan os seguintes acordos interparlamentarios:
-‐ Asemblea parlamentar da Francofonía (reúne 67 Parlamentos), -‐ Asociación parlamentar da Commonwealth (reúne 171 Parlamentos), -‐ Confederación parlamentar das Américas (reúne 300 Asembleas e foi fundada en 1971 a iniciativa da Asemblea de Quebec), -‐ Council of State Government e National Conference of State Legislatures (reúne os Parlamentos de 50 Estados e territorios dos EEUU).
As relacións bilaterais implican a sinatura de acordos de colaboración con distintos
Parlamentos de Europa e de América:
FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE
7
• Europa: Asemblea Nacional de Francia, Baviera, Cataluña e Comunidade Francesa de
Bélxica. • América: California, Brasil, Parlamento Centroamericano e Ontario.
INSERTAR FOTOGRAFÍA 1 Pé de foto: Exterior da Asemblea Nacional do Québec
INSERTAR FOTOGRAFÍA 2 Pé de foto: Carlos Aymerich, Diane Leblanc, deputada da oposición oficial, François Baulne, vicepresidente da Asemblea Nacional e Camilo Nogueira.
8
Reunión no Consello Superior da Lingua Francesa
Montreal, 9 de xaneiro 2003
Pierre Georgeault, Director de Investigación e Administración
Situación lingüística no Quebec
A lingua é un dos temas claves no Quebec, abordado como unha cuestión política en todas as súas dimensións, presente na vida cidadá e defendido de maneira consciente polos gobernantes, tanto no eido interno como no internacional. Trátase dunha política de promoción e defensa con carácter vangardista que serve de referencia para experiencias semellantes noutros lugares.
Despois de trinta anos, a política de bilingüismo oficial do goberno federal fracasou a respecto das minorías francófonas de Canadá. Dende a adopción da Lei sobre as linguas oficiais en 1974, o peso relativo dos francófonos fóra do Quebec non para de baixar. Entre 1971 e 2000, o francés como lingua de uso pasou de 4,3 a 2,7%1.
A Constitución canadense e a Lei sobre as linguas oficiais garanten aos francófonos e anglófonos de Canadá o dereito de ser servidos na súa lingua polo goberno federal. Sen embargo lagoas administrativas e intención política de descrédito e menosprezo da lingua francesa constatan unha falla de compromiso de igualdade entre o inglés e o francés por parte do goberno federal. En Canadá (incluíndo Quebec), o peso relativo do francés baixa en relación co peso do inglés, que se mantén. O bilingüismo é asumido polos francófonos. Así, o 41% da poboación francófona de Canadá é bilingüe, comparativamente ao 9% da poboación anglófona.
Os representantes do Consello Superior da Lingua Francesa interesáronse, dende o inicio dos contactos, en manter esta reunión bilateral polo gran descoñecemento que expresaron ter sobre a situación do galego, a diferencia do trato especial que teñen con Cataluña dende hai varios anos. Na presentación e intercambio inicial de opinións, Camilo Nogueira mostrou unha visión xeral da situación do galego dende o punto de vista político e sociolingüístico dende hai trinta anos até o momento actual.
O Director Xeral do Consello Superior da Lingua Francesa constata, coincidindo con Nogueira, que tamén no Quebec a maioría dos cidadáns e cidadás falaban e coñecían o francés, mais a vida económica desenvolvíase en inglés producíndose unha situación de desigualdade lingüística patente. No transcurso da chamada "Revolución Tranquila" chegouse a un consenso: o goberno decidiu facer do francés unha lingua oficial (a única lingua oficial no Quebec). O Estado federal, partidos políticos, sindicatos e patronal foron favorábeis a facer do francés a lingua oficial, xa que consideraban que o futuro do Quebec dependía do desenvolvemento económico francófono e había que contrarrestar o importante peso do inglés en todas as áreas.
Para iniciar este proceso con medidas lexislativas, no marco da ordenación lingüística, unha das primeiras regras foi a de traballar en base ao consenso social e outra consistiu en
1 "Le français au Québec, 400 ans d´histoire et de vie", Publicación do Conseil de la Langue Française, Montreal, 2000.
FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE
9
facer do francés unha lingua útil, sobre todo a nivel económico (xa que nestes anos non tiña ningún valor dende este punto de vista).
Así o francés pasou a ser lingua pública no mundo dos negocios, da educación, da cultura e dos servizos, gañando peso específico no eido económico. O Goberno emprendeu unha estratexia para a aplicación práctica da lingua, obrigando as empresas a usar o francés nas súas relacións comerciais e legais, sempre como unha obriga moral, non coercitiva, aínda que se non se cumpre non está permitido concluír contratos públicos.
Tamén foi esixido legalmente que a contratación de cadros non fora discriminatoria, xa que era un feito que a igual traballo os traballadores francófonos recibían distinta remuneración. Demandouse que, a competencias semellantes e experiencia idéntica, o salario fose o mesmo para traballadores francófonos e anglófonos. Obrigouse á escolarización en francés e por último, unha das medidas máis importantes foi a da sinalización pública e comercial, unha cuestión que resultou transcendental para a regularización do francés.
Mais a obrigatoriedade destas medidas públicas a favor da lingua francesa non supuxeron impedir o uso do inglés. A promoción do francés fíxose con medidas obrigatorias e fortes para evitar a súa desaparición nun contexto predominantemente anglófono, tanto en Canadá como en todo o Norte de América.
Isto tampouco supuxo discriminar as múltiples linguas dos colectivos inmigrantes, senón que se facilitou o seu acceso ao estudo gratuíto do francés e protexéronse as linguas vernáculas de cada colectivo inmigrante (así por exemplo, en Montreal existe un mosaico lingüístico de arredor de 120-‐130 linguas autóctonas ofrecéndose a posibilidade de axudas para o seu estudo e promoción).
O francés, despois de anos e de medidas de gran coraxe política pasou a ser a lingua da vida pública e da administración, pero sempre mantendo un estrito respecto pola elección persoal do uso da lingua no ámbito privado, para evitar interferencias entre dereitos individuais e colectivos.
As medidas lexislativas en materia de política lingüística foron numerosas, destacando a Lei 22/1974 sobre a Lingua oficial, que fixo do francés a lingua oficial única, e que insistiu na súa utilidade como lingua económica e de traballo.
Neste contexto, unha situación anecdótica produciu unha crise lingüística cos emigrantes italianos que querían escolarizar os seus fillos en inglés (80% fronte a un 20% en francés). Esta cuestión foi impulsada pola formación liberal, entón no goberno, e xeneralizada a todos os colectivos de inmigrantes. Para arranxar o problema, unha vez que o Parti Québécois entrou no goberno, fíxose un test sobre o nivel de coñecemento da lingua. O resultado foi que o descoñecemento do francés era moi elevado co que se xeneralizou a escolarización en francés no ensino primario e deixouse a posibilidade de escolla no secundario. Esta regra afrouxou o clima de tensión da época e desa maneira a poboación inmigrante contribuíu a reforzar o número de francófonos.
A nivel cultural tamén foron estabelecidas unhas regras de audición mínima de música en francés nas radios ou, no caso da cinematografía, decidiuse que as compañías estranxeiras de difusión e distribución de películas non podían proxectar os seus productos no Quebec se non ofrecían copias en francés.
Carlos Aymerich interesouse pola situación do francés nos medios de comunicación e a súa protección pública legal, a fin de comparar aquela situación coa do galego. Para o representante do Consello Superior da Lingua Francesa, esta cuestión non é tan controvertida
10
en comparación con outros temas xa que existe unha rede de comunicación pública e privada de radio e televisión francófonas; tamén a prensa escrita conta con varios xornais en lingua francesa de grande tradición, en comparación cos dous ou tres xornais en lingua inglesa.
Na actualidade, ademais de continuar a traballar na defensa e promoción do francés a nivel interno e no marco das relacións co Canadá, o Consello Superior da Lingua Francesa está a propiciar unha reflexión colectiva de ámbito mundial, en especial despois da Cimeira das Américas onde impulsou varias resolucións, a favor da diversidade lingüística e do respecto da cultura como un ben en si mesmo e non como unha mercancía.
No proceso de negociación para a controvertida integración do Quebec na Área de Libre Comercio das Américas (ALCA), esta institución demanda o respecto polos pobos e pola súa diversidade cultural, en especial a diversidade lingüística como expresión dos mesmos, e pide o recoñecemento do carácter oficial de alomenos catro grandes linguas das Américas: o inglés, o castelán, o portugués e o francés. INSERTAR FOTO 3
Pé de foto: Encontro no Consello Superior da Lingua Francesa
FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE
11
Reunión no Ministerio de Relacións Internacionais Quebec, 11 de xaneiro de 2003
Jean-‐François Caron, Xefe do Servizo de Institucións Europeas do Ministerio de Relacións Internacionais
Lucien-‐Pierre Bouchard, Director de Planificación do Ministerio de Relacións Internacionais
Marie Kronström, Xefa da Unidade España, Portugal e Andorra da Dirección Xeral de Europa do Ministerio de Relacións Internacionais
Quebec no Mundo
A delegación galega mantivo unha reunión con varios representantes do Ministerio de Relacións Internacionais do Quebec, na que se trataron temas como a presenza exterior de Quebec; a representación exterior das CCAA como o caso de Galiza, especialmente no marco das institucións europeas (particularmente a posición do Goberno español sobre a participación das CCAA no Consello de Ministros da Unión Europea); a globalización e a defensa. Téñase en conta que en xaneiro de 2003 vivíase un momento de alerta bélica mundial sobre a situación no Iraq e que o Goberno de Quebec adoptou unha posición oficial en contra da guerra.
Quebec, como nación, quere ter presenza mundial e para iso organizou un tecido de representacións repartidas por varios continentes que realizan campañas permanentes de información política sobre a situación da súa nación e de difusión cultural e turística, sempre dende un punto de vista propio e non como territorio engadido de Canadá.
Esta visión internacional é a proxección lóxica das políticas internas que buscan amosar unha nación moderna, con visión cara ao mundo e que está a servir de modelo para outras nacións sen Estado, como o caso de Cataluña ou Escocia, que manteñen co Quebec relacións que, sen ser estritos xuridicamente, poderiamos cualificar de interestatais.
Este fenómeno de representación exterior como nación propia, con distintos caracteres segundo sexan lugares de interese política (Nova York, Bruxelas) comercial ou cultural, foi para a delegación do nacionalista unha constatación da escasa visión do Goberno galego en materia de relacións internacionais e proxección exterior xa que, desgraciadamente, a Xunta concibe a súa política exterior dende un punto de vista máis tímido, anecdótico, simbólico e mesmo inoperante nalgúns casos, baixo unha aparente aureola de lobby, pero sen capacidade real de actuación.
A rede de Quebec no estranxeiro está formada por:
6 Delegacións Xerais: París, Bruxelas, Londres, Nova York, Tokío, México
4 Delegacións: Bos Aires, Boston, Chicago, Los Ángeles
7 Oficinas: Miami, Washington, Barcelona, Múnic, Pequín, Shangai, Abidján,
12 Oficinas de Enlace estabelecidas en diferentes cidades de Estados Unidos (Representación Comercial de Atlanta), América Latina (Representacións comerciais de Caracas, Panamá, San Pedro, Santiago), Europa (Axencia Cultural de Berlín, Axencia
12
Comercial de Milán, Axencia Cultural de Roma, Servizo de Inmigración de Viena) e Asia (Servizo Cultural en Damasco, Servizo de Inmigración en Hong-‐Kong, Representacións comerciais en Manila, Seúl, Shangai, Taipei).
As Delegacións xerais teñen rango de Embaixada segundo a lei quebequesa mais non segundo a lexislación canadense. Actúan de feito como focos de representación do Quebec nas zonas xeográficas nas que están acreditadas e tamén como centros de promoción comercial e de difusión cultural.
Coa Delegación Xeral do Quebec perante a Unión Europea en Bruxelas, o nacionalismo galego mantén unha estreita e constante relación a través da Presidencia do Intergrupo2 de Nacións sen Estado que exerce o BNG.
O fenómeno da globalización: posición do Quebec
O Ministerio de Relacións Internacionais do Quebec está ligado a outras dúas carteiras temáticas, a da Francofonía e a do Observatorio da Globalización. En setembro de 2002, sendo Ministra desta carteira tripartita Mme. Louise Beadoin, presentouse na Asemblea Nacional o Proxecto de Lei 109 sobre o Observatorio quebequés da globalización.
A idea da creación do Observatorio Quebequés da globalización era un proxecto de varios anos atrás e, coincidindo coa celebración en abril de 2001 da IIIª Cimeira das Américas na cidade de Quebec, o Goberno recolleu esa inquedanza da opinión pública, preocupada polo efecto da globalización sobre a súa economía cidadá, sobre o traballo, o consumo, o ambiente, o desenvolvemento da lingua e cultura francesas, os dereitos, etc.
O Observatorio pretendeu trasladar e facer comprender á cidadanía o fenómeno da globalización en todos os seus puntos de vista facilitando á nación quebequesa datos para poder facer unha análise global dos elementos decisivos da mesma, medir as súas consecuencias e traballar para propiciar unha globalización dominada e equilibrada, respectuosa dos dereitos humanos e da diversidade cultural.
Este organismo, aínda que financiado polo Goberno, defínese como independente e está formado por representantes de todos os sectores afectados pola globalización. Ademais, o Observatorio Quebequés da globalización ten capacidade de decidir autonomamente sobre as súas orientacións que son as seguintes:
-‐Recollida e análise de informacións sobre a globalización (nos aspectos cultural, económico, educativo, ambiental, financeiro, político, social e laboral)
-‐Seguimento das negociacións multilaterais de interese para o Quebec (mundiais ou rexionais)
-‐Actividades de difusión, de sensibilización e educación sobre a globalización nos distintos territorios do Quebec
-‐Publicación dun informe anual sobre a globalización dende o punto de vista do Quebec
2 Os Intergrupos do PE están constituídos por deputados/as de distintas forzas políticas, estando representados no Intergrupo de Nacións sen Estado nacións como Galiza, Cataluña, Euskadi, Andalucía, País de Gales, Escocia, Flandres e Aosta.
FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE
13
-‐Colaboración con organismos interesados na globalización, con centros universitarios e de investigación.
A posición oficial do Quebec sobre a globalización baséase no concepto de “mondialisation équitable” (defendido polo Parti Québécois e potenciado polo seu Goberno até abril de 2003) que, cunha formulación progresista, segue a Carta de Principios do Forum Social Mundial e a tónica das nacións máis desenvolvidas, pero afirmando que esta globalización non implica aceptar a economía de mercado neoliberal, nin a concentración de capital, dos medios de produción e do poder económico nas mans duns poucos.
Unha globalización equitativa supón tamén a promoción da diversidade cultural na escala internacional, cuestión na que o Quebec vén exercendo na opinión pública mundial unha forte influencia de liderado. Participar na globalización de maneira directa supón para o Quebec contar con instrumentos de actuación e influencia: o Ministerio de Relacións Internacionais, as representacións no estranxeiro, a participación activa nos traballos das organizacións internacionais (estabelecendo misións de observación no seo desas organizacións) e a inserción e participación nas redes internacionais que poidan defender e escoitar o futuro da nación quebequesa (como o caso do Forum Social Mundial).
IDEAS IMPRESAS 2. QUEBEC: UNHA NACIÓN
Encontro cos representantes do Parti Québécois (PQ) Montreal, 9 de xaneiro de 2003 Daniel Turp, Presidente do Comité de Relacións Internacionais do Parti québécois Bruno Pilote, Membro da Executiva Nacional do Parti québécois Jacques Hérivault, Asesor político da Ministra de Relacións Internacionais Louise Beaudoin3 Posición política do Parti Québécois: nacionalismo e soberanía
O PQ defínese como un partido de centroesquerda, con tendencias internas diversas e con obxectivos comúns en materia de soberanía nacional. O pobo quebequés, composto do conxunto da súa cidadanía, é libre para decidir por si mesmo o seu estatuto xurídico e o seu futuro.
O PQ fundouse a partir da convición da urxencia de estabelecer un Quebec soberano, nun territorio de lingua e de cultura francesas. O Parti Québécois ten como tarefa fundamental acadar a soberanía do Quebec de maneira democrática, e este obxectivo ten que ser promovido de forma activa e inmediata poñendo énfase na súa viabilidade e vantaxes económicas. A soberanía consiste para o PQ en facer do Quebec un país cun conxunto de características e de valores reagrupados arredor de tres eixes principais (o pobo, o territorio e a constitución) coa competencia total e exclusiva sobre os poderes lexislativos, executivos e xudiciais exercidos sobre o territorio.
O Quebec actual está formado por unha sociedade plural na súa composición demográfica. Cunha poboación de máis de 7 millóns de persoas, e cunha cifra de 32.500 inmigrantes4, no Quebec conviven nacionalidades de todos os continentes, para as que van dirixidas políticas activas de integración, de respecto e promoción da identidade e de tratamento igualitario nos dereitos e obrigas da cidadanía. Un elemento fundamental é a participación cidadá nas decisións colectivas.
Segundo Daniel Turp, Responsábel de Relacións Internacionais do PQ, Quebec non é recoñecido como nación histórica, senón como unha "sociedade diferente", sen carácter único, baseada na diversidade.
En canto á cuestión da autodeterminación, Turp considera que no marco da Federación canadense non se pode autodeterminar unha nación. Por esta razón o PQ defende a opción da independencia: unha nova situación de soberanía, como a da Unión Europea, na que se mudaron fronteiras sen necesidade dun proceso constitucional.
A sociedade de Quebec está fragmentada entre dúas tendencias: a opción autonomista (50,6% do resultado do último referendo) e a opción independentista (49,4%). A pesares das diferencias, existe un acordo entre todos os adversarios políticos, incluídos os federalistas (liberais), de renunciar a unha revisión constitucional e demandar acordos de
3 A actual Ministra, Mme Monique Gagnon-Tremblay, forma parte do novo Goberno Liberal, dende abril de 2003. 4 Fonte: Instituto de Estatística do Quebec. Cifras 2002
FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE
15
cooperación a través de tratados entre Quebec e a Federación canadense, sen reformar a Constitución.
Admitindo que a Federación é un dos sistemas máis descentralizados do mundo consideran que o problema fundamental é a falla de vontade de Ottawa para recoñecer que Quebec ten unha situación social, económica e política diferente ao resto das provincias canadenses.
En xeral, a opinión pública en Canadá está en contra deste recoñecemento, aínda que se trata dunha situación moi diferente á do Estado español. En Canadá é posíbel falar con transparencia da opción independentista, sen que se entenda como unha alternativa insolidaria co conxunto do Estado, se condene ou menosprece.
Expresan tamén a súa perplexidade pola ambigüidade que se produce en Europa entre a aceptación da asimetría dentro da Unión Europea e a súa falla de recoñecemento dentro dos Estados, como o caso das nacionalidades do Estado español.
O PQ denuncia que o Estado canadense considera aos cidadáns do Quebec como "cidadáns canadenses franceses", non quebequeses, negándose a usar esta noción. Por iso o PQ quere ir máis aló e integrar como cidadáns quebequeses aos inmigrantes e definir así un concepto de cidadanía máis amplo que o de nacionalidade. Relacións Canadá-‐Quebec
O Quebec foi menosprezado dende sempre pola Federación canadense no respecto dos seus dereitos lingüísticos e territoriais. A imposibilidade de Ottawa, a capital do Canadá inglés e capital administrativa da Federación, de responder ás expectativas constitucionais do Quebec fixo que, ao longo do século XX, o Quebec construíra pacientemente instrumentos que fixeron que sexa unha das sociedades máis democráticas do mundo (Carta dos dereitos e liberdades, Leis sobre as eleccións, sobre o financiamento dos partidos políticos, sobre as consultas populares, sobre o recoñecemento das nacións autóctonas, etc.).
Na actualidade asístese a unha tentativa de Ottawa de inmiscirse na acción social e económica do Quebec5, unha estratexia federal que toma diversas formas, invadindo competencias orzamentarias quebequesas en pro dunha estratexia pancanadense, diminuíndo as transferencias orzamentarias e impedindo a participación e a actuación internacional do Goberno de Quebec.
Perante esta realidade, o PQ propón a xestión autónoma da súa riqueza e recursos, defendendo as relacións de intercambios económicos con Canadá en réxime de partenariado.
En Canadá existe unha gran dependencia económica dos Estados Unidos: o 70% do PIB procede das relacións económicas e comerciais entre os dous países. No Quebec o 80% das exportacións van dirixidas tamén aos EEUU. Esta gran dependencia da economía estadounidense provoca unha situación perigosa. Quebec atópase na encrucillada de manter boas relacións con Europa e cos EEUU e por tanto, os sucesivos gobernos optaron por
5 Mais pola contra, as cifras son evidentes: no ano 2002 no Quebec, por primeira vez en 10 anos, as taxas de crecemento de emprego e da masa salarial superaron as de Canadá. A taxa de emprego medrou unha porcentaxe de 2,5 % no Quebec, comparativamente ao 2,4 % de Canadá e a masa salarial aumentou de 5,2%, con relación ao 4,4% de Canadá.
16
preservar a súa economía endóxena e ao mesmo tempo, pola particular situación territorial, manter as relacións económicas cos EEUU.
Despois do proceso de negociación do Acordo de Libre Comercio das Américas, as valoracións non son tan positivas como se esperaban nun primeiro momento e denúncianse situacións de desamparo, por exemplo nos efectos das relacións laborais.
Os representantes do PQ coinciden, a diferencia da situación galega, en que no Quebec houbo dende 1960 gobernos progresistas que defenderon principios comúns no tema da soberanía e que mesmo, existindo unha mudanza de gobernos das distintas opcións, hai unhas regras mínimas básicas de recoñecemento da soberanía nacional e da diversidade do Quebec. Por iso, no PQ produce unha gran sorpresa a viraxe política cara á dereita que se está a producir en Europa.
Situación actual e relacións con outras forzas políticas
Bruno Pilote, Membro da Executiva Nacional do Parti québécois afirma que no Quebec existe un gran debate sobre a cuestión da reforma institucional e sobre o sistema de eleccións do Primeiro Ministro por sufraxio universal.
O sistema, antes bicameral, foi abolido e só existe a Asemblea Nacional. O debate agora céntrase na creación dunha segunda Cámara, no que estivesen representadas as rexións.
No momento da celebración desta reunión, era a etapa preelectoral e unha das cuestións xurdidas foi a do futuro despois das eleccións de abril de 20036. As sondaxes, segundo os representantes do PQ, indicaban unha loita firme entre o Parti libéral du Québec (PLQ), de ideoloxía federalista, considerado de centrodereita, co 34% dos votos, o Parti Québécois (PQ) co 33% dos votos e a Action démocratique du Québec (ADQ) co 31% dos votos. Recoñecen que no caso dunha victoria do PQ, sería o seu terceiro mandato, o que é bastante infrecuente nun sistema democrático de carácter anglosaxón e de tipo maioritario.
As diferencias co PLQ están na implantación-‐localización do electorado: para o PQ o número de votos é mais forte nas zonas periféricas e na cidadanía francófona, a diferencia do PLQ que ten un voto moi concentrado na zona de Montreal, na cidadanía anglófona e na inmigración. A respecto da ADQ (un novo partido de dereitas nacido en 1994 como consecuencia dunha escisión do Parti libéral du Québec, con votos disgregados por todo o Quebec) as diferencias son ideolóxicas e substanciais: A ADQ postúlase resoltamente a favor de principios neoliberais, taxa única con Canadá, seguidismo da política exterior e defensa dos EEUU.
Por último, co Bloc Québécois (partido de tradición socialdemócrata que defende os intereses do Quebec no seo do Parlamento federal de Ottawa), as relacións son de
6 Resultados electorais das eleccións xerais de Quebec celebradas o 14 de abril de 2003:
- Parti libéral du Québec: 60,8% - Parti Québécois: 36% - Action démocratique du Québec: 3,2%
O resto dos partidos políticos - Parti égalité, Bloc pot, Parti marxiste-léniniste du Québec, Parti démocratie chrétienne du Québec, Green Party, Union de forces progressistes non obtiveron ningunha representación na Asemblea Nacional.
FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE
17
fraternidade e concertación, especialmente no que atinxe aos temas da soberanía, da participación pública, dos servizos públicos ou das relacións coa sociedade civil.
Aínda que as estruturas orgánicas dos dous partidos son diferentes, o PQ, que só exerce o seu marco de actuación e circunscrición electoral no Quebec, apoia e propón as cuestións de interese do Quebec na Cámara dos Comúns en Ottawa, vía representación Bloc Québécois.
18
Encontro cos representantes do Bloc Québécois (BQ) Beauport, 11 de xaneiro de 2003 Michel Guimond, Deputado do Bloc Québécois pola circunscrición electoral de Beauport-‐Montmorency-‐Côte-‐de-‐Beaupré-‐Île D´Orléans
A existencia do Bloc Québécois (BQ) está fundada nunha idea simple, mais fundamental: os quebequeses e as quebequesas forman unha nación. En Ottawa, no parlamento Federal, os únicos deputados que defenden este feito diferencial son os 38 deputados do BQ.
Os outros deputados dos partidos políticos federais fundamentan as súas accións na idea de que os e as canadenses compoñen unha nación, e que os quebequeses e as quebequesas non son máis que un compoñente rexional da nación canadense. Segundo esta lóxica, Quebec non é máis, nin diferente do resto das provincias da Federación, coas capacidades limitadas dun estado-‐rexional.
Dende o inicio da súa vida política, o BQ fundou o seu programa de actuación política nun dobre obxectivo: defender e promover os intereses dos quebequeses e das quebequesas en Ottawa e promover o proxecto de facer do Quebec un Estado soberano. Para os deputados do Bloc, estes dous obxectivos son complementarios. Posición política: A cuestión da soberanía
Os acontecementos do 11 de setembro de 2001 puxeron de novo este vello tema en actualidade no mundo. A soberanía no Quebec en relación con Canadá está plenamente discutida pola Federación, e a cuestión constitucional, como tamén foi subliñada por representantes doutros partidos políticos cos que se mantiveron encontros, non é a fundamental, senón que se trata dun problema máis político que xurídico. A Asemblea Nacional de Quebec e os 38 deputados do Bloc Québécois presentes en Ottawa rexeitan que Quebec asine a Constitución canadense, e a Entente -‐ base sobre a unión social. Este consenso non é fortuíto, senón que se basea nunha realidade: Quebec é unha nación. E unha nación ten que ter a capacidade de redactar as súas leis, de xestionar os seus impostos e de concluír acordos e actuar no plano internacional, segundo os seus valores e intereses.
Esta soberanía da nación quebequesa é incompatíbel co marco federal canadense. O BQ considera tamén que existe un gran desequilibrio fiscal entre o goberno federal e o quebequés que é necesario corrixir. Quebec é unha nación rica, progresista, creativa e solidaria. Dende hai trinta anos, a construción de Quebec acelerouse, no marco dun Canadá tamén en progreso, nun contexto dunha globalización uniformadora. Mais a vontade de construción de Quebec e da súa identidade é cada vez máis contrariada pola vontade uniformadora de Canadá, que vai acompañada dun rexeitamento do recoñecemento da nación quebequesa.
A Federación emprega dous dogmas políticos da construción canadense para argumentar a falla de recoñecemento da realidade nacional de Quebec: a igualdade entre provincias e o multiculturalismo. Aos ollos do poder canadense, a cultura quebequesa non
FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE
19
representa nin máis nin menos que outra cultura entre as que forman o mosaico canadense. Para esta visión baseada no dogma da igualdade entre provincias, Quebec non pode exercer os seus dereitos e poderes dunha maneira diferente á das outras provincias. Quebec na realidade internacional
A actuación de Canadá no mundo obvia voluntariamente a imaxe do Quebec. Esta vontade deliberada é consecuencia do proceso seguido a partires do referendo de 1995, no que se produciu unha verdadeira mobilización da función pública federal para considerar a Quebec, no plano interno e internacional, como unha provincia máis entre as outras.
No Quebec, gobernantes e sociedade civil pensan o contrario. O feito de ter esa dobre dimensión europea e americana abre as portas do mundo cunha visión máis ampla que demanda unha actuación do Quebec no plano internacional.
FOTO 4: Pé de foto: Michel-Guimond, representante do Bloc Québécois
20
Encontro cos representantes do Parti libéral du Québec (PLQ) Montreal, 9 de xaneiro de 2003 Marc-‐André Blanchard, Presidente do Parti libéral du Québec Ronald Poupart, Xefe de Gabinete do Xefe da Oposición na Asemblea Nacional Jacques Chagnon, Deputado de Westmount-‐Saint-‐Louis e Presidente da Executiva de deputados liberais Posición política: federalismo de concertación
Defínese o Parti libéral du Québec (PLQ), segundo o seu Presidente, como federalista, reivindicando nos principios orgánicos desta formación a promoción dun federalismo de concertación e cooperación baseado na ampliación de competencias a nivel federal e internacional para o Quebec, mais sempre dentro do marco da Federación canadense, na que debe estar o panorama de actuación da sociedade de Quebec e no que se deben defender os seus intereses.
Consideran que Canadá é unha federación moi descentralizada, contando con competencias diferenciadas entre o poder central e o provincial, garantidas polo Tribunal Constitucional, existindo unha tensión dialéctica e de poder entre a Federación-‐provincias, que se asemella á existente en Europa entre os Estados e a Unión Europea. Consideran mesmo, a diferencia dos representantes do PQ, que os Ministros anglófonos da Federación tiveron unha "gran xenerosidade" coa descentralización.
Defenden a identidade propia do Quebec, cunha sociedade civil orixinal e diversa, e cunha identidade política no seo de Canadá e na escena internacional. Conciben que a concertación con Canadá ten que tentar acadar obxectivos comúns de carácter consensual, para que a Federación sexa menos ríxida.
Os principios desta formación son a pertenza a unha sociedade única, o respecto polas liberdades individuais, a promoción dos ideais de xustiza social, o reparto da riqueza, a prosperidade económica e o partenariado cos grupos socioeconómicos e comunitarios.
En canto ás relacións internacionais, apostan polo reforzamento da unión económica canadense, nun mundo en mutación, inscrito na corrente da globalización dos intercambios comerciais, apostando pola apertura dos mercados.
No que atinxe á cuestión da identidade como nación, defenden a poliidentidade, como o caso da Unión Europea, considerándose de maneira compatíbel como canadenses e quebequeses, entendendo que esta sinerxía é de interese para Quebec (pois continuando na Federación canadense os beneficios son maiores, tanto no plano económico como internacional) e para Canadá (contar con Quebec é reforzar a idea dun país multicultural).
Pola contra, se ben asumen as competencias existentes, reclaman unha maior autonomía do Quebec en materia de relacións internacionais, demandando a posibilidade de concluír acordos internacionais e de participar estreitamente nos procesos de negociación comerciais e sociais a escala mundial como o caso da OMC ou da OIT. Esixen unha maior participación activa do Quebec na delegación canadense no Acordo de Libre Comercio das
FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE
21
Américas (ALCA), na que poderían aportar a especificidade lingüística, cultural, bixurídica e democrática na edificación dunha nova realidade hemisférica. O PLQ non contempla unha revisión constitucional no seo da Federación canadense xa que, a diferencia do Estado español no que unha mudanza política na situación das nacionalidades ten que ir acompañada dunha revisión constitucional, consideran que o seu é simplemente un problema político e non xurídico e, polo tanto, non é necesaria unha modificación constitucional.
22
Encontro co Mouvement National des Québécoises et Québécois (MNQ)
Montreal, 9 de xaneiro de 2003
Chantal Turcot, Presidenta
Gilles Grondin, Director Xeral
A defensa da soberanía: unha historia de afirmación nacional
O encontro dos nacionalistas galegos cos representantes do Mouvement national des Québécoises et Québécois (MNQ) encadrouse dentro dos contactos con ONGs relacionadas coa promoción da soberanía, das que o MNQ é unha das máis destacadas. Para o nacionalismo galego era importante, neste conxunto de visitas, ter coñecemento directo da realidade social e asociativa.
O MNQ reagrupa as 19 Sociedades Nacionais repartidas polo Quebec. A súa misión é defender e promocionar os intereses dun Quebec libre, francófono e democrático. Trátase dunha organización independente, sen ánimo de lucro, que desenvolve as súas actividades económicas grazas ás cotizacións dos seus membros, sen ser perceptora de subvención pública algunha.
A primeira sociedade nace en Montreal en 1834, proclamando o 24 de xuño Festa nacional dos canadenses franceses. Ao longo do século XIX, outras sociedades foron instaladas no Quebec, en Canadá e en Nova-‐Inglaterra, converténdose en lugares de afirmación dos canadenses franceses, na defensa dos seus intereses e da difusión da súa lingua e cultura.
Despois de 1940, as pequenas sociedades reagrúpanse e fundan unha federación. Entre 1947 e 1948 centran o seu proxecto nunha vasta campaña pola institucionalización da bandeira, coa flor de lis, que pasa a ser a bandeira oficial do Quebec. Nos anos 50 lanzan grandes debates apoiando a Revolución Tranquila: reforma da educación, nacionalización da electricidade, fundación dunha caixa de crédito, codecisión fiscal, etc.
A década de 1960 marca unha etapa importante na afirmación nacional do pobo quebequés, xa que en 1969 a Federación toma posición oficialmente na defensa da independencia. En 1972 toma o nome de Mouvement national des Québécoises et Québécois (MNQ).
Dende esta época o movemento participa en todas as campañas e coalicións para a defensa e a promoción da soberanía do Quebec como o Comité do Si en 1980, o Movemento contra os acordos de Charlottetown de 1992 e outros. Desenvolve tamén unha intensa campaña lingüística, participando nas consultas públicas sobre o tema e denunciando os ataques incesantes contra a Carta da Lingua Francesa despois da súa adopción.
Os temas nos que centran o seu proxecto son:
-‐A soberanía nacional do Quebec
-‐O francés como lingua nacional do Quebec
-‐A identidade quebequesa
-‐A cidadanía quebequesa e a solidariedade social
FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE
23
-‐A solidariedade francófona e o mantemento da diversidade cultural no Mundo.
Dende 1984 coordinan a Festa Nacional do Quebec, o 24 de xuño, por todo o mundo.
• No seu Manifesto Fundacional afirman:
por un Quebec libre, francés e democrático
porque é normal para un pobo ter un país;
porque a lingua francesa é o fundamento do que nos diferencia de América do Norte;
e porque creemos na democracia,
QUEREMOS:
• un Estado que dispoña de todos os poderes necesarios para o impulso económico, político, social e cultural de Quebec;
• unha lingua común, o francés, no respecto do uso privado das múltiples linguas
maternas; • unha constitución quebequesa que reflicta a nosa vontade de vivir en paz,
harmonía, xustiza, liberdade e igualdade; • unha cidadanía quebequesa activa na que a participación de cada membro sexa
sostida e apoiada; • un desenvolvemento sostíbel do conxunto do Quebec, en acordo coas rexións e
comunidades locais; • unha sociedade igualitaria e equitativa para legar ás xeración futuras; • un país libre para participar libremente nos intercambios internacionais.
Encontro na Universidade McGill Montreal, 9 de xaneiro de 2003 Alain Gagnon, profesor do Instituto de investigación en políticas públicas da Universidade McGill Da indiferencia á diferencia
Alain Gagnon, politólogo da Universidade McGill de Montreal e especialista na temática da nación quebequesa, afirma que ante a indiferencia de Ottawa, Quebec reivindica e reivindicou sempre o seu dereito á diferencia.
24
A forza de ignorar e negar a existencia da nación quebequesa durante moito tempo, e despois de sucesivos fracasos lexislativos de propostas para reafirmar as competencias e a soberanía do Quebec, produciuse unha reacción non esperada polo Goberno federal: unha revolta intelectual e de personalidades políticas de Quebec, caracterizada polo uso de símbolos de identidade e de mobilizacións políticas. Insistían na existencia da nación quebequesa, como lugar de converxencia de todas as familias políticas do territorio quebequés.
En abril de 2001 o entón Presidente Bernard Landry, con motivo da III Cimeira das Américas, presentou Quebec como une nation d´Amérique et d´avenir (unha nación de América e de futuro), causando un gran trastorno mediático para as autoridades canadenses. Coa fin de replicar os asaltos das autoridades de Ottawa, o goberno de Quebec optou por realizar unha aproximación preventiva baseada en tres eixes: lingua, fiscalidade e cidadanía. Unha visión afirmacionista, baseada nun gran consenso político e cultural no Quebec.
Segundo unha sondaxe de 2001 a idea de recoñecer a cidadanía quebequesa recibiu o 75% do apoio das persoas entrevistadas. A afirmación deste sentimento produciuse ao longo dos anos, impulsada en parte pola negativa do goberno federal ás demandas formuladas polo Quebec dende a Segunda Guerra Mundial. O non recoñecemento do Quebec como nación distinta contribuíu a alimentar o incremento dun movemento nacional de afirmación (máis que a aparición dun rexionalismo de confrontación) e tamén contribuíu a illar o Quebec dos outros partidos do país, facendo posíbel a existencia dun "Estado-‐rexión", con personalidade internacional, baseado nunha sociedade civil ben estabelecida e solidaria.
FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE
25
QUEBEC NA REDE • Partidos políticos: Parti québécois: http://partiquebecois.org Bloc québécois: http://www.blocquebecois.org Parti libéral du Québec: http://www.plq.org • Institucións: Goberno de Quebec: http://www.gouv.qc.ca/ Asemblea Nacional: http://www.assnat.qc.ca Ministerio de Relacións Internacionais: http://www.mri.gouv.qc.ca Conseil de la Langue Française: http://www.cslf.gouv.qc.ca • Outras organizacións: Mouvement national des Québécoises et québécois: http://www.mnq.qc.ca Prensa: http://www.cyberpresse.ca http://www.ledevoir.com
26
QUEBEC-‐Cifras na man7 • Superficie 1.667.928 km² • Poboación 7.377.700 hab.
Homes 3.639.900 Mulleres 3.737.800 Emigrantes 11.921 Inmigrantes 32.502 Urbana 78,4 % Rural 21, 6% Poboación de Montreal 1.043.600 hab Poboación de Quebec 170.200
• Emprego 3.438.000 Taxa de actividade 63, 2% Desemprego 316.000 Máis datos: http://www.stat.gouv.qc.ca
7 Le Québec chiffres en main, edición 2002. Institut de la statistique du Québec, Goberno de Quebec.
FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE
27
Colección Ideas impresas Nº 0. O nacionalismo galego, hoxe. 2001 Nº 1. Orzamento participativo. 2002 Nº 2. Quebec: unha nación. 2003 Nº 3. A nova Europa: medra o mercado, agardan os dereitos. 2004 Nº 4. Galiza no Foro Social Mundial. 2005 Nº 5. Gobernar para transformar a dependencia. 2006 Nº 6. Economía Galega e Autonomía Política. 2006 Nº 7. Traballo e xénero. 2007 Nº 8. Neoliberalismo e desigualdade social. 2008 Nº 9. A evolución (perversa) da política social da Unión Europea. 2009 Edita Fundación Galiza Sempre Avda. Rodríguez de Viguri 16 15702 Santiago de Compostela www.galizasempre.org Subvencionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Dirección Xeral de Política Lingüística