ESTADO E NACIÓN NA RESTAURACIÓN BORBÓNICA · 2014-06-15 · ESTADO E NACIÓN NA RESTAURACIÓN...
Transcript of ESTADO E NACIÓN NA RESTAURACIÓN BORBÓNICA · 2014-06-15 · ESTADO E NACIÓN NA RESTAURACIÓN...
ESTADO E NACIÓN NA RESTAURACIÓN BORBÓNICA
Selección documental a partir da realizada por Xosé Alfeirán, Ana Brea e Ana Romero
ÍNDICE
1. O pensamento político de Cánovas
2. Galicia, Estado con goberno propio
3. A polémica do sufraxio universal
4. Abandono e explotación de Galicia
5. Reivindicacións catalanistas
6. Atentado anarquista en Barcelona
7. A farsa parlamentaria
8. O independentismo cubano
9. Opinión socialista ante a guerra de Cuba
10. O regreso dos combatentes de Cuba
11. Ultimato norteamericano
12. Xustificación da declaración de guerra aos EE UU
13. Propostas rexeneracionistas
14. O desolador panorama dunha escola rural
15. O dominio caciquil
16. A crítica ao réxime oligárquico e fraudulento
17. Eleccións e fraudes
18. Os militares e o separatismo
19. A Lei de Xurisdicións en defensa do exército
20. Estado catalán e Federación española
21 As propostas do PNV: o restablecemento dos foros
22. O integrismo político español
23. Argumentos sobre a ocupación de Marrocos
24. A versión das autoridades sobre a Semana Tráxica
25. A loita dos vascos contra España
26. O protectorado de Marrocos
27. As Irmandades da Fala
28. O galego, razón de ser de Galicia
29. As Xuntas de Defensa militares
30. A Asemblea de Parlamentarios cataláns
31. Balance da folga en Ourense
32. As accións revolucionarias de 1917
33. Autonomía e foralismo vasco
34. O dereito de Cataluña á autonomía
35. Portugal e Galicia, nacións irmáns
36. Annual
37. As responsabilidade ante a guerra de Marrocos
38. Autonomía política e galeguización
39. Unidade de actuación dos nacionalismos periféricos
40. Apoios ao golpe de Estado
41. O socialismo ante o golpe de Estado
42. Un voto de confianza nos inicios do novo réxime
43. Declaracións do ditador no inicio do seu mandato
44. Consellos para lograr a rexeneración
45. A represión das manifestacións nacionalistas
46. A opción separatista catalá
47. Intelectuais contra Primo de Rivera
48. Consecuencias da sanjuanada
49. A Asemblea Nacional Consultiva
50. Organización corporativa do traballo
51. O programa da Federación Anarquista Ibérica
52. Primo de Rivera na Coruña
53. Primeiro manifesto da ORGA
54. Os militares responden a Primo de Rivera
55. Solucións simples para grandes problemas
56. Balance final, explicación da fin da ditadura
57. Un intento de recuperar a normalidade constitucional
58. Delenda est Monarchia
1. O pensamento político de Cánovas
En 1875 instaurouse en España un réxime político denominado sistema
canovista, por ser Cánovas o seu principal creador, baseado en dous principios
para el irrenunciables: a monarquía hereditaria e a soberanía compartida entre o
rei e as Cortes.
Creo (...) que a forma máis perfecta de Estado, agora e sempre, (...) é a forma
monárquica. Non digo que sexa a única; poderán organizarse doutra forma as
sociedades humanas, non o nego; (...) pero creo que o instrumento máis grande do seu
progreso, do seu desenvolvemento histórico é a monarquía hereditaria. (...)
Se queredes conservar a liberdade como eu quero que se conserve, preciso é que
salvedes tamén a relixión e a monarquía. A liberdade, a relixión, a monarquía, preciso
é estar cego para non velo, son os tres grandes e fundamentais sentimentos de que está
posuída a nación española.
Antonio CÁNOVAS DEL CASTILLO. Discurso [no Congreso]. 8-3-1869 [cast.]
O principio hereditario (...): velaquí o que o Goberno chamou Constitución interna (...).
O novo reinado afirma, baixo a miña responsabilidade, que, aceptando como base o
principio hereditario, tocaba ao país, ás Cortes resolver o demais. Conste que estamos
aquí para resolver isto, e que estamos aquí co principio que este Goberno profesa (...):
que a soberanía reside nas Cortes co rei, e que, residindo nas Cortes co rei, as Cortes
co rei son as que deben decidir libremente, (...) sobre a forma constitucional que
conveña aceptar a España baixo a base do principio hereditario.
Antonio CÁNOVAS DEL CASTILLO. Discurso [no Congreso]. 11-3-1876 [cast.]
Non lle damos á soberanía nacional o carácter que lle dan outros partidos. Nós, sen
negar que todo poder emana da nación, porque non pode emanar doutra parte,
entendemos que a soberanía exércese en moitas nacións, exerceuse sempre en España e
actualmente exércese, de acordo á constitución do Estado, pola Coroa e as Cortes, polas
Cortes e a Coroa; e que non hai máis soberanía respectable que aquela soberanía que
está constantemente representada e exercitada polas Cortes co rei. Partindo deste
principio, non podemos ter, non podemos recoñecer dereitos xamais que non resulten da
unión permanente da Coroa coas Cortes.
Antonio CÁNOVAS DEL CASTILLO. Discurso [no Congreso]. 6-4-1883 [cast.]
2. Galicia, Estado con goberno propio
Xunto coa denuncia dos problemas que padecía Galicia, os republicanos federais
galegos elaboraron en 1883 un proxecto de Constitución para o futuro Estado
Galaico.
Art.1. A rexión galega (...) está dividida en catro provincias (...).
Art.2. Esta rexión eríxese en Estado autónomo o soberano, e adopta a forma
democrática-republicana para o seu goberno.
Desde agora promete vivir perpetua e indisolublemente enlazada aos demais Estados
irmáns da Nación española, para practicar a xustiza, realizar o Dereito, promover o
desenvolvemento das facultades humanas, a prosperidade do país e, en fin, para
cooperar á civilización e grandeza da patria común.
Así mesmo aspira á Confederación Ibérica e, por suposto, contrae a obriga de
coadxuvar con todas as súas forzas, para solicitar da nación portuguesa unha eterna
alianza pactada sobre a base do mutuo consentimento e a vontade de ambos pobos. (...)
Art.22. A soberanía reside na totalidade do pobo galego.
Proxecto de Constitución para o futuro Estado Galaico. 1883 [cast.]
3. A polémica do sufraxio universal
Os dereitos políticos foron obxecto de discusión e debate entre os liberais. Uns
defenderon o carácter restrinxido da participación política aos máis capacitados
en intelixencia ou nivel económico. Outros consideraban que todos os homes
tiñan dereitos políticos iguais.
A democracia individualista paréceme un delirio ridículo. O seu sufraxio universal, e o
comunismo ou socialismo, significan para min unha cousa mesma con distintos nomes.
O sufraxio universal e a propiedade son antitéticos, e non vivirán xuntos, porque non é
posible, moito tempo.
Permitídeme deducir de todo isto agora unha consecuencia ben lóxica, aínda que vos
pareza a primeira vista temeraria; e é que o que se cualifica como doutrinarismo, que é
principalmente o soster no sufraxio o censo, debe chamarse ciencia real e única da
política, xustamente oposta ao gran error do comunismo e aos fráxiles sofismas da
democracia individualista. O sufraxio universal será sempre unha farsa, un engano ás
multitudes, levado a cabo pola malicia ou a violencia dos menos, dos privilexiados da
herdanza e o capital, co nome de clases directoras, ou será, en estado libre, e obrando
con plena independencia e conciencia, comunismo fatal e irresistible. Escóllase, pois,
entre a fascinación permanente do sufraxio universal ou a súa supresión, se non se
quere ter que elixir entre a súa existencia e a desaparición da propiedade e o capital.
Antonio CÁNOVAS DEL CASTILLO. Discurso [no Ateneo de Madrid]. 1871 [cast.]
O voto igual de todos é ou chegará a ser o reinado da multitude ignorante. O número
brutal coloca aos fillos sobre os pais, aos obreiros sobre os patróns, aos criados sobre
os amos, aos xoves sobre os vellos, aos pobres sobre os ricos, aos ignorantes sobre os
sabios (...).
Así como o home, ademais do seu entendemento, posúe aptitudes físicas que lle
permiten afrontar a loita dos comicios, en cambio a muller, que ten con frecuencia gran
penetración e sagacidade, está menos dotada da capacidade de xeneralizar e non se
fixa moito en cuestións públicas (...); ademais, a súa saúde, relativamente débil, a súa
santa función de nai, o seu pudor, impiden que asista a reunións electorais, ás
asembleas ruidosas e ás loitas ardentes. Non foi o lexislador quen dispuxo este modo de
ser da muller; foi a natureza (...). Por máis que se diga, o exercicio dos dereitos
políticos privaría ás mulleres do tempo necesario para atender aos deberes propios do
seu sexo (...). Desde o instante en que a igualdade de dereitos políticos existise na
familia, entre o marido e a muller, fácil será que desapareza a harmonía.
R. FERNÁNDEZ VILLAVERDE. Consideracións histórico-críticas sobre o sufraxio
universal como órgano de representación política nas sociedades modernas. 1889
[cast.]
Non esperamos marabillas do sufraxio universal; non creemos que vaia facer o milagre
de transformar nun día os malos hábitos dos comicios españois, non o consideramos
como a panacea dos numerosos padecementos que afectan ao noso país; pero
entendemos que é a cláusula final do tratado de paz entre os elementos políticos máis
poderosos da nosa nación, eses que veñen librando un combate desde fai máis de medio
século e ao mesmo tempo debe ser, a longo prazo, o último dos problemas de carácter
puramente políticos.
El Imparcial, 23-2-1890 [cast.]
4. Abandono e explotación de Galicia
O punto de partida de todas as reivindicacións galeguistas está no
recoñecemento da pobreza, atraso e afastamento de Galicia, así como no
sentimento de aldraxe ante o esquecemento e a marxinación que padecía por
parte dos políticos e dos gobernos de Madrid.
Non temos unha soa cidade populosa, porque negouse todo elemento de riqueza ás
nosas poboacións durante tres séculos; sobre os nosos campos pesaron sempre tanto e
tan duramente os impostos, que pode dicirse que pronto habemos de velos desertos. A
emigración non é xa un mal pasaxeiro, senón unha necesidade (...). Lugares enteiros
venden as súas terras, se poden; se non, pechan as casas, entregan as chaves ao crego,
e inician o seu camiño. Só lles falta queimar os osos dos seus pais para que a despedida
sexa como para sempre (...). Mentres tanto, para deputados e ministros é un gran
problema a cuestión militar, mentres se desangra e morre esquecido un país que
representa a oitava parte da poboación de España. Tales son os resultados da
centralización.
Manuel MARTÍNEZ MURGUÍA. O rexionalismo galego. Lixeiras observacións ao
discurso lido por don Antonio Sánchez Moguel na súa recepción na Real Academia
da Historia. 1889 [cast.]
5. Reivindicacións catalanistas
A partir da década de 1880 foise desenvolvendo en Cataluña un amplo
movemento de carácter rexionalista, cunha gran diversidade ideolóxica e
estratéxica, que defendía o autogoberno da rexión sen discutir a unidade nacional
de España.
Desexamos que volva a posuír a nación catalá as súas Cortes xerais, libres e
independentes abertas polo xefe do Estado ou o seu lugartenente (...). Que sexa Cataluña
dona e señora do goberno interior e sinale por si mesma o continxente do exército para o
principado, non ó chou nin con levas forzosas, senón mediante soldados voluntarios e a
soldo, os cales non deben saír, en tempo de paz, do noso territorio. Que a lingua catalá
sexa a oficial de Cataluña para todas as manifestacións da vida deste pobo; que se use a
lingua catalá para o ensino en Cataluña. Que sexan cataláns os tribunais de xustiza, e
todas as causas e litixios se fallen definitivamente dentro do territorio; que sexan os
mesmos cataláns os que elixan aos que deben desempeñar cargos na nación catalá (...).
Que o xefe do Estado veña xurar a Cataluña as súas constitucións fundamentais,
condición indispensable de antigo establecida para exercer a soberanía no principado.
LIGA DE CATALUÑA. Programa. 1888 [catalán]
Toda Cataluña formará unha soa rexión autónoma dentro da nación española, tanto se
esta está constituída por varias rexións como se, exceptuada Cataluña, segue o réxime
unitario o resto da nación e calquera que sexa a forma de goberno que teña, mentres se
garantise á rexión os seus dereitos. Na Constitución nacional constarán os extremos da
autonomía rexional de Cataluña e non poderán ser alterados, senón é co consentimento
de ámbalas dúas partes. Cataluña contribuirá aos gastos xerais da nación coa parte que
lle corresponda, sen que o goberno central poida intervir no modo de recadalos.
Igualmente aportará o seu continxente ao exército no caso de guerra, pero unha vez estea
fixado pola nación, a rexión é libre de adoptar a forma de reunilo. En tempo de paz, a
forza pública que se fixe no convenio servirá só na rexión e será destinada a soster a orde
pública, as leis, a seguridade dos cidadáns e a dar guarnición nas prazas fortes, costas e
fronteiras.
A rexión terá poder lexislativo, executivo e xudicial (...). Cando se trate de puntos que
afecten ao mesmo tempo a Cataluña e ao resto de España ou do estranxeiro, rexerán as
leis xerais da nación en cuanto non se opoñan á autonomía de Cataluña. A
administración pública dentro da rexión será, en todo os ramos, servida por cataláns (...).
A lingua catalá será oficial en toda a rexión.
CENTRO CATALÁN. Programa. 28-4-1890 [catalán]
6. Atentado anarquista en Barcelona
A tendencia dominante do anarquismo defendía o emprego da propaganda pola
acción, con represalias e atentados contra intereses e personalidades da clase
burguesa coa fin de acabar co capitalismo e a orde vixente. Durante a
Restauración borbónica foron moi numerosos os atentados deste signo.
Inaugurábase onte á noite a tempada lírica no Teatro do Liceo, representándose a
ópera de Verdi Guillermo Tell. A sala (...) ofrecía un aspecto magnífico: palcos e
butacas estaban ocupados polo máis escollido da sociedade barcelonesa, e as galerías
víanse cheas de xente. Cando comezaba o segundo acto, terminado o dúo de tiple e
tenor, oíuse un estoupido formidable (...). O público (...) lanzando berros de terror,
precipitouse ás portas de saída, atropelándose. En medio da espantosa confusión que
se produciu, oíronse voces dicindo: ¡É unha bomba! ¡Vina caer do paraíso! (...). As
butacas das filas 12, 13 e 14 estaban feitas anacos, principalmente polo lado do
corredor central. Xunto aos cadáveres víanse varios feridos que daban berros
espantosos de dor.
Segundo oín a varios espectadores do paraíso, o ocorrido foi o seguinte: un individuo
que se encontraba nas primeiras filas, tirou á sala un obxecto, que ao tempo de caer
fixo explosión. Hai quen afirma que viu caer dous de aqueles. (...) O número total de
mortos é o de 18; o de feridos non pode precisarse, pois os que podían andar fuxiron
apresuradamente (...). Debaixo dunha fila de butacas foi encontrada unha bomba das
chamadas de Orsini (...). Non se explica como non estalou ao caer desde o quinto piso
(...). O Xulgado de garda constituíuse desde os primeiros momentos no Liceo (...). Á súa
presenza compareceron tres suxeitos coñecidos pola súas ideas anarquistas; a un deles,
que foi detido no paraíso, parece que lle acusan algúns espectadores da galería de ter
tirado a bomba.
La Época. 8-9-1893 [cast.]
7. A farsa parlamentaria
O sistema da Restauración borbónica caracterizouse pola alternancia pacífica no
poder de conservadores e liberais, o falseamento da vontade popular mediante o
amaño das eleccións e a farsa parlamentaria, fortemente criticada polos
republicanos e o rexeneracionistas.
Os que aínda cren na sinceridade política dos homes da monarquía, puideron
convencerse, (…) de que todo o que está ocorrendo no Parlamento é pura farsa.
O goberno de Cánovas estivo ao bordo dese abismo onde caen deshonrados todos os
malos gobernos. A enormidade das súas arbitrariedades electorais fíxoo antipático aínda
para os políticos de máis ancha conciencia; a enérxica oposición dos republicanos e os
violentos ataques dos silvelistas deixárono descuberto na sesión do Congreso de antonte;
todos vían aproximarse o triunfo dun fulminante voto de censura, e en tan crítico
momento é cando aparece Sagasta (…), asegurando que o presente Ministerio procedeu
inmoralmente nas eleccións, e non entanto, tendéndolle a súa man protectora para que
continúe no poder.
Despois disto, como crer na sinceridade e na honradez da política legal? (…). Aquí non
hai política liberal nin conservadora, o que existe é o compadrazo de dous homes coas
súas respectivas tribos de adictos, que rotan pacificamente, e que coas súas loitas de
mentira, entreteñen ao abobado país. Por baixo van as intelixencias, as relacións
secretas, o arranxo marcando o tempo que cada un ha de estar no poder; e cando xorde
algún incidente inesperado que pode pór en perigo a estabilidade do vergoñento
convenio, os dous camaradas guindan a careta e preséntanse como aliados inseparables,
defendéndose feramente contra o primeiro Silvela que pide parte na súa quenda
gobernativa..
Vicente BLASCO IBÁÑEZ. El Pueblo [Diario republicano de Valencia]. 23-5-1895
[cast.]
8. O independentismo cubano
Cuba, a perla das Antillas, foi un constante foco de conflitos ao longo de século
XIX. Desde 1868 desenvolveuse un forte sentimento independentista que deu
lugar a varias guerras. O Pacto de Zanjón de 1878, un acordo entre os
insurrectos e o goberno español, non rematou co movemento independentista.
Somos, si, separatistas. Pero non odiamos a España (...). É a nosa metrópole política
un pobo europeo (...). Cuba, pola contra, é un pobo americano. Máis non paran aí as
contraposicións. España é un pobo de grandes zumes monárquicos. O ideal
republicano gaña terreo con traballo, a pesar do instinto democrático das masas (...).
Non: a separación imponse pola forza das circunstancias. Non vamos vivir de dúas
existencias á vez. Non podemos ter unha metrópole política distinta da nosa intelixencia
en principios americanos, para que despois se nos goberne á antiga usanza europea.
Non podemos continuar avogando por unha cultura librepensadora e laica e
progresista, para topar despois con leis clericais, con prácticas reaccionarias. Non
podemos seguir vivindo baixo un réxime de reacción, cando as nosas aspiracións e a
nosa cultura reclaman un réxime de liberdade e democracia. Non podemos, por último,
continuar sostendo (...) unha política comercial de privilexios e favores persoais e unha
política industrial de monopolio. Non podemos vivir así (...). Chegou a hora da
separación. Démonos un cordial abrazo de despedida e que a sorte nos protexa a
ambas.
Xoán GUALBERTO GÓMEZ. La Fraternidad, A Habana, 23-9-1890 [cast.]
9. Opinión socialista ante a guerra de Cuba
As guerras de Cuba causaron grandes danos ao exército español, formado por
soldados forzosos recrutados entre as clases máis pobres, xa que os ricos tiñan a
posibilidade de pagar por non ir a combater, situación que foi duramente
criticada polas organizacións de esquerda.
Os que deben pelexar en Cuba cos insurrectos son os que naquel territorio se
enriqueceron, os que se están enriquecendo, os que pensan enriquecerse alí e os que
alí, á sombra do dominio de España, fan prosperar as súas industrias ou os seus
negocios. Eses, eses, que poden ver mancados os seus intereses pola rebelión ou o
triunfo dos separatistas, deben dar o seu sangue e as súas vidas para vencer aquela.
Pero, e a patria? -dinnos tales señores-. E os queridos intereses da patria? Calade,
farsantes: a patria examinada desde o punto de vista dos intereses materiais, existe
soamente para vós, pero non para o obreiro.
Polo afán de negocios, vendestes armas a eses mesmos insurrectos a quen chamades
inimigos e contra os cales enviades aos soldados pobres, que nada teñen que ver nos
vosos intereses e coas vosas querelas.
Polo cego desexo que vos anima de enriquecervos, fostes á Bolsa a especular con
valores dando noticias falsas da insurrección cubana, prexudiciais para o crédito da
vosa propia nación.
Por reservar aos vosos fillos para que exploten aos produtores e para que gocen da
riqueza acumulada por vós, tivestes o descaro, no momento mesmo en que falabades de
que era preciso morrer pola patria (...) de facer que un dos vosos representantes no
Parlamento solicitase do ministro da Guerra un novo prazo para que puideran
redimirse en metálico os soldados de familias ricas a quen corresponde ir á
mencionada illa.
Non nos faledes, pois, da patria. A vosa, o que a vós vos interesa, á clase burguesa toca
defendela. Os desposuídos, os pobres, non teñen patria, e é unha inxustiza facelos
pelexar polo que non é seu, polo que outros posúen.
El Socialista. 15-3-1895 [cast.]
10. O regreso dos combatentes de Cuba
A guerra de Cuba provocou milleiros de vítimas, moitas delas como
consecuencia das enfermidades tropicais que as tropas contraían; centenares de
soldados regresaban moribundos a España en barcos, dando lugar a situacións
similares á que describe a escritora coruñesa.
Por aqueles días comezaron a arribar ao porto [da Coruña] buques-hospitais cargados
de enfermos e de moribundos. Daba compaixón presenciar o desembarco.
Arrastrándose ou en angarellas, pálidos, coa palidez apagada da anemia profunda;
morados os beizos, apagados os ollos; os vencidos polo clima tiñan aínda forzas para
sorrir á terra natal, ao doce sol peninsular que quenta e non consume (...). Abrían as
pupilas para mirar o casarío branco, as galerías de cristais, a multitude amiga que os
atende e recibe con compaixón de tanto sufrir (...). Mariña, aínda que non entendía
gota diso da patria, non perdía un arribo de buque; porque, quen sabe?
E era a cada paso máis doloroso o espectáculo que seguía a tales arribadas (...). Unha
mañá correu a voz de que acababa de entrar na baía un buque tripulado unicamente
por defuntos. (...) Batidos e zapateados durante toda a travesía por furioso temporal, os
que non sucumbiran, nin descansaban xa no fondo dos mares, viñan case mortos,
frouxos, rotos (...) que lles impedía darse conta do seu estado. A súa cabeza oscilaba,
as súas mans colgaban, a súa respiración era insensible, e houbo dous que ao seren
depositados nas angarellas fixeron un movemento, revolveron un instante as pupilas... e
despois pecháronas para a eternidade. (...) Mariña acababa de recoñecer ao seu
Adrián (...); recoñecera ao seu mozo naquel agonizante que expiraba ao beber o
primeiro alento da costa nativa... e agora si que podía exclamar a aldeá, ante o rostro
exsangüe durmido sobre o cabezal. Que branco!
Emilia PARDO BAZÁN. O regreso dos combatentes, El Socialista. 15-10-1897 [cast.]
11. Ultimato norteamericano
A guerra hispano-cubana, iniciada en 1895, converteuse nun conflito hispano-
norteamericano, despois da estraña explosión do cruceiro Maine, ancorado na
Habana. O goberno dos Estados Unidos envioulle un ultimato ao goberno
español para que renunciase ao seu dominio sobre Cuba.
Considerando que as horribles condicións que existiron na illa de Cuba, tan próxima as
nosas costas, (...) e que culminaron na destrución dun acoirazado dos Estados Unidos
durante unha visita amigable ao porto da Habana. (...) O Senado e a Cámara de
Representantes dos Estados Unidos reunidos en Congreso resolveron:
1º.- Que o pobo da illa de Cuba é, e ten dereito de ser, libre e independente.
2º.- Que os Estados Unidos, teñen o deber de pedir, e por tanto o goberno dos Estados
Unidos pide, que o goberno español renuncie inmediatamente a súa autoridade e
goberno sobre a illa de Cuba e retire de Cuba e das augas cubanas as súas forzas
terrestres e navais.
3º.- Que se autorice e faculte ao presidente dos Estados Unidos, como o está pola
presente, para usar todas as forzas navais dos Estados Unidos (...).
4º.- Que os Estados Unidos declinan pola presente toda disposición ou intención de
exercer soberanía, xurisdición ou autoridade (control) sobre a dita illa, excepto para a
súa pacificación (...).
Se á hora do mediodía do sábado próximo, vinte e tres de abril, non foi comunicada a
este goberno polo de España unha completa e satisfactoria resposta á Resolución (...) o
Presidente procederá sen ulterior aviso a usar do poder e autorización ordenados e
conferidos a el, tan extensamente como sexa necesario.
CONGRESO DOS ESTADOS UNIDOS. Resolución. 19-4-1898 [cast.]
12. Xustificación da declaración de guerra aos EE UU
A última das guerra de Cuba agravouse polo apoio dos EE UU aos insurrectos e
pola súa posterior intervención. A superioridade militar norteamericana
provocou a derrota contundente de España, así como un forte impacto entre os
políticos, militares, intelectuais e clases populares.
Nin o Goberno nin a nación española podían transixir coas pretensións doutra nación
de intervir nos nosos asuntos e nos nosos propios territorios, e menos podía transixir
coa ignominia de que se retirasen os nosos exércitos e a nosa escuadra do territorio e
das augas de Cuba. [Grandes aplausos] Pero como se isto non fose bastante, como se
non bastase esa esixencia imposible, pretenderon ofendernos cunha calumnia infame.
[Refírese á voadura do "Maine"] [Aplausos] (...)
A pesar dos nosos esforzos, a pesar dos nosos sacrificios, a pesar das amarguras que
en silencio devoramos, a guerra fíxose inevitable. Non podiamos sufrir xa tanta afronta.
A nación española pode ser vencida pero xamais impunemente afrontada. [Aplausos
entusiastas].
Práxedes MATEO SAGASTA. Discurso [no Congreso]. 27-4-1898 [cast.]
Que quería a súa señoría que fixese? Que ante ese ultimato requiríndonos para que
abandonáramos Cuba cedésemos no acto e lle entregásemos Cuba só porque os
norteamericanos a querían? Ah! A súa señoría que se lamenta de como chegou o
exército español, a súa señoría que se lamenta da situación en que se encontra España,
como se lamentaría (...) se cedésemos sen máis nin máis á pretensión dos Estados
Unidos de despedirnos, como se pode despedir a un lacaio dun país no que levábamos
catrocentos anos de dominación (...)?.
Claro está que nós non podíamos facer máis do que fixemos, defendéndonos da
agresión como puidemos e ata onde puidemos; fomos vencidos, pero despois o vencido
non quedou deshonrado; en cambio, se os nosos soldados regresasen sen facer a máis
pequena resistencia (...). Ah! entón España quedaría borrada do número das nacións
civilizadas e o noso exército (...) chegaría cuberto de oprobio e a nación española sería
unha nación desprezable.
Práxedes MATEO SAGASTA. Discurso [no Congreso]. 23-2-1899 [cast.]
13. Propostas rexeneracionistas
Os rexeneracionistas fixeron unha forte crítica ao sistema político da
Restauración e ás grandes diferenzas económicas e sociais entre a oligarquía e as
clases populares, miserables e incultas. E elaboraron propostas para renovar a
situación política, económica e social vixente.
Despois de medio século de asonadas, pronunciamentos, manifestos, revolucións,
fusilamentos, cambios de réxime e de dinastía, proclamación de Constitucións
bautizadas pomposamente co ditado de democráticas, as "liberdades" chegaron, temos
o que se pedía: Constitución liberal, xuízo por xurados, sufraxio universal, dereitos
individuais, pero seguimos o mesmo que estabamos: o pobo xeme na mesma servidume
que antes, a liberdade non penetrou no seu fogar, a súa mísera sorte non cambiou no
máis mínimo, como non sexa para empeorar; aquel medio século de propagandas e
combates heroicos pola liberdade desembocou nun inmenso fracaso; o réxime liberal
fixo bancarrota.
E sabedes por que? Porque esa liberdade non se coidaron máis que de escribila na
"Gaceta", crendo que a iso se reducía todo; porque non se coidaron de afianzala
dándolle corpo e raíz no cerebro e no estómago: no cerebro, mellorando e
universalizando a instrución; no estómago, promovendo unha transformación fonda da
agricultura, que a faga producir dobre que no presente e diminúa o prezo das
subsistencias, e, mediante a difusión da propiedade territorial, elevando aos braceiros
á condición de terratenentes.
Xaquín COSTA. A terra e a cuestión social. 1898 [cast.]
14. O desolador panorama dunha escola rural
As escolas na España da Restauración borbónica presentaban un panorama
desolador, especialmente no mundo rural. E non menos desolador eran os
métodos de aprendizaxe e a atención que o Estado prestaba aos docentes, homes
e mulleres sen cualificación profesional aos que se lles pagaba en especie
(escolas do ferrado).
Nunca o saber se veu peor aloxado; e iso que, polo común, non habita en palacios. Era
unha barraca vella, sen máis luz que a da porta e a que se colaba polas gretas da
teitume; (...) uns cantos bancos, tres carteis do abecedario cotrosos, rotos polas puntas,
pegados ao muro con pan mascado, e no cuarto inmediato á escola uns mobles, poucos
e vellos, que parecían ter corrido media España.
En toda a barraca non había máis que un obxecto novo: a longa caña que o mestre tiña
detrás da porta e que renovaba cada dous días na canaveira veciña, sendo unha
felicidade que o xénero resultase tan barato, pois gastábase rapidamente sobre as
duras e rapadas cabezas daqueles pequenos salvaxes.
Libros, a penas se se vían tres na escola: unha mesma cartilla servía para todos. Para
que máis...? Alí imperaba o método mourán: canto e repetición, ata meter as cousas
cun continuo martelar nas duras cabezas. (...)
A xente das barracas respectaba a don Xaquín, aínda que no concernente a soster a súa
miseria andase remisa e lacazana. O que aquel home vira...! O que correra polo
mundo...! Unhas veces empregado ferroviario; outras axudando a cobrar contribucións
nas máis apartadas provincias de España; ata se dicía que estivera en Cuba como
garda civil. En fin, un paxaro gordo vido a menos. (...) Axudaba ao secretario do pobo
en traballos extraordinarios; preparaba con herbas tan só por el coñecidas certos
cocementos que operaban milagres nas barracas. Todos recoñecían que "aquel tío
sabía moito" e sen título de mestre e sen medo a que ninguén lle quitase a escola que
non daba nin para pan, ía logrando a forza de repeticións e vareadas que deletreasen e
permanecesen inmóbiles todos os pillos de cinco a dez anos.
Vicente BLASCO IBÁÑEZ. A barraca. 1898 [cast.]
15. O dominio caciquil
Os caciques foron unha peza clave no sistema da Restauración; controlaban a
situación política empregando a súa influencia e poder ao servizo do goberno da
quenda.
Os supremos caciques enfeudan a España por rexións, poñéndoas baixo o dominio dos
seus respectivos grandes caciques. Estes elixen por provincias ou por distritos
electorais a súa clientela de copartícipes, estreitamente subordinados, poñendo nas
súas mans, aínda que baixo a propia dirección, as deputacións provinciais, ou sexa, o
mangoneo xeral da provincia. Seguidamente, a caciquería provincial, sempre baixo as
rendas do gran señor, procede a subenfeudar as cidades e os pobos, determinando os
caciquiños que deben mandalos e explotalos. Debe advertirse que cada cacique
supremo, gran cacique, cacique de segundo grao e caciquiño, teñen o seu rabaño
particular e familiar de adheridos, a súa especial clientela de parasitos, comezando,
claro está, polos individuos da propia familia, xenros e nepotes (...). A relación que ata
e aperta todo este conxunto (...) é a dependencia e servidume do rabaño. (...) Desde os
supremos caciques para abaixo, todos, por graos, deben someterse. Creedes que
senadores e deputados posúen a máis insignificante iniciativa parlamentaria?
Parvadas! Cada un está adscrito ao seu cacique correspondente, quen lle dá a acta, e
non vai presentar ningunha proposición, intervir en discusións, aceptar posto nalgunha
comisión... nin votar “si” ou “non”, sen previa consulta do señor. Ah, as Cortes vistas
por dentro...!
Ricardo MACÍAS PICAVEA. O problema nacional. 1899 [cast.]
16. A crítica ao réxime oligárquico e fraudulento
A alternancia pacífica dos partidos da quenda provocaba o falseamento
permanente dos procesos electorais e permitía o mantemento dun réxime
oligárquico, pseudoparlamentario e sen democracia, cunha clase política
formada por camarillas de notables e caciques, unidos para defender os seus
intereses económicos e sociais a través do control dos cargos públicos.
Non é a forma de goberno en España a mesma que impera en Europa (...); o noso
atraso neste respecto non é menor que en ciencia e cultura, que en industria, que en
agricultura, que en milicia, que en administración pública. Non é (...) a nosa forma de
goberno un réxime parlamentario, (...) senón, ao contrario, un réxime oligárquico,
servido, que non moderado, por institucións aparentemente parlamentarias. Ou, dito
doutro modo, non é o réxime parlamentario a regra e excepción dela os vicios e as
corruptelas (...); ao revés, iso que chamamos desviacións e corruptelas constitúen o
réxime, son a mesma regra (...).
Definir a España deste xeito (...) nos ensina, en primeiro lugar, que o problema da
liberdade, que o problema da reforma política (...) é todo un problema constitucional,
de cambio de forma de goberno (...). Nos ensina en segundo lugar, que mentres esa
revolución non se faga, que mentres soportemos a actual forma de goberno, será inútil
que tomemos as leis en serio, buscando nelas garantía ou defensa para o dereito (...).
Aí tedes, señores (...), o réxime político da nación; a un lado, un millar de privilexiados
que acaparan todo o dereito, que gobernan en vista do seu interese persoal,
confabulados e organizados para a dominación e a explotación do país (...); noutro
lado, o país, os 18 millóns de avasalados, que viven aínda en plena Idade Media, para
quen non alumeou aínda a revolución nin proclamou o santo principio da igualdade de
todos os homes ante o dereito. Réxime de pura arbitrariedade, no que non queda lugar
para a lei.
Xaquín COSTA. Oligarquía e caciquismo. 1901-1902 [cast.]
17. Eleccións e fraudes
Na España da Restauración era habitual a manipulación e a fraude electoral a
través de diversos mecanismos para conseguir que os resultados das urnas
coincidisen coas previsións deseñadas previamente: manipulación do censo,
resurrección de mortos, falsificación de identidades, compra de votos, ameazas,
alteración de horarios e convocatorias, encarceramento dos considerados
revoltosos, pucheirazo...
Un infeliz sancristán, encollido, contrito, penetrou no colexio a cumprir co seu deber,
sen dúbida polo que ten de sagrado o sufraxio. "Fulano de tal" -exclamou, alargando
timidamente unha candidatura ao presidente. Ao comprobarse as listas, figura que xa
votou. "Votou outro por min? Ave María Purísima!" "Sen pecado concibida... pode
vostede retirarse". "Pero se non saín do convento en toda a mañá!" "Pois saíra. Non se
pode ser sancristán para estas cousas!" (risas).
La Voz de Galicia. 9-11-1903 [cast.]
Un elector madrugou para colocarse nos soportais do Goberno civil, apoiado contra
unha columna. Deron as 12 e non se movía da columna. Estañados, preguntáronlle:
"Señor, que desexa vostede?" E o home contestou impasible: "Diñeiro!" Cando xa
acababa a xornada electoral houbo quen se acercou ao home ofrecéndolle un peso,
considerando que aos votos lles pasa o que ás pescadas, que son máis baratas a última
hora porque, se non se venden, pérdense. En cuanto oíron o do peso, os demais criados
precipitáronse sobre o xeneroso votante, comezou o regateo e chegou o voto a cotizarse
a sete pesetas. Cerrado o trato, abandonou a columna, entrou no colexio e ao cabo dun
rato saíu botando diaños pola boca e renegando da súa sorte: xa votaran por el.
El Noroeste. 10-11-1903 [cast.]
Un individuo con blusa [un obreiro] di ser tenente retirado da Garda Civil. "Eu son do
benemérito instituto, estamos? E a moita honra!" (...). Irrompe un barbudo que case
rompe a urna coa súa embestida; tras "meditar" moito "quen é", alega ser un
presbítero, ex-director de "El Diario de Galicia" e profesor do Colexio católico,
conseguindo votar. A racha de sacerdotes suplantados durou un rato. (...) Polo visto, as
comparsas estaban dispostas por series para maior facilidade do conxunto. (...) O caso
máis flagrante foi o dun individuo con trazas de aquilón de peirao, cheirando a viño e
con grandes botas de auga, que se proclama, impávido, freire dominico. "Pero, e os
hábitos?" "Osté non ten por que meterse na vida privada", replicou. Votou entre
múltiples protestas.
La Voz de Galicia. 15-11-1905 [cast.]
18. Os militares e o separatismo
En 1905, algúns oficiais da guarnición de Barcelona asaltaron e destruíron a
redacción da revista satírica Cu-Cut e do xornal La Veu de Catalunya polas
críticas contra o exército e a defensa que facía do catalanismo, considerado polo
exército como un perigo á unidade da patria. A maior parte dos militares apoiou
esta acción e o Goberno non se atreveu a castigar os culpables.
A outra noite [día 25], a primeira hora, un gran número de oficiais do exército,
molestados polas caricaturas e artigos que publicaba a prensa catalá, reuníronse en
número de máis de douscentos na Praza Real, comezaron a dar vivas a España e dende
alí marcharon á imprenta do semanario catalanista “Cu-Cut”. Sacaron os trastos e
pertenzas que encontraron e gran cantidade de periódicos e prendéronlle lume,
formando unha fogueira (...). Na redacción [do xornal “La Veu”] deron varias
sabradas, obrigando aos que alí estaban a berrar: “Viva España!”. Esnaquizaron todo,
respectando só o escudo de Cataluña, dicindo que Cataluña era unha provincia
española.
El Imparcial. 17-11-1905 [cast.]
Aos separatistas cataláns dilles que xa se acabou a época das contemplacións; que de
hoxe en diante non se poderá berrar “Morra España!” sen que o que o berre saiba que
é perigoso berralo. Aos gobernos dille que pasou a época en que poidan mostrarse
débiles; que é preciso arrancar de raíz a semente separatista custe o que custe. E ás
Cortes dilles así mesmo que se por imprevisión dos lexisladores non hai leis contra o
separatismo, que as fagan pronto, porque mentres tanto o exército aplicará a lei
suprema, a que dita o seu inquebrantable amor a España unha e intanxible.
El Ejército Español. 17-11-1905 [cast.]
19. A Lei de Xurisdicións en defensa do exército
En 1906, no reinado de Afonso XIII, o auxe do nacionalismo e as críticas contra
o exército causaron un fondo malestar entre os militares, que conseguen a
aprobación dunha lei pola que se sometía a tribunais militares os delitos de
opinión contra eles e contra a unidade da patria.
Art.2. Os que de palabra, por escrito, por medio da imprenta, gravado, estampas,
alegorías, caricaturas, signos, gritos ou alusións, aldraxan á nación, á súa bandeira,
himno nacional ou outro emblema da súa representación, serán castigados coa pena de
prisión correccional.
Na mesma pena incorrerán os que cometan iguais delitos contra as rexións, provincias,
cidades e pobos de España e as súas bandeiras ou escudos.
Art.3. Os que de palabra ou por escrito, por medio da imprenta, gravado ou outro
medio mecánico de publicación, en estampas, alegorías, caricaturas, emblemas ou
alusións aldraxen ou ofendan clara ou encubertamente ao exército ou á armada ou a
institucións, armas, clases ou corpos determinados do mesmo, serán castigados coa
pena de prisión correccional.
Lei de Xurisdicións. 23-3-1906 [cast.]
20. Estado catalán e Federación española
Para harmonizar o autogoberno catalán coa unidade de España, Prat de la Riba,
un dos máis destacados representantes da tendencia catalanista conservadora,
propuxo a fórmula da federación das diferentes nacións e nacionalidades ibéricas
que constituirían España como un Estado composto.
Consecuencia de toda a doutrina aquí exposta é a reivindicación dun Estado catalán,
en unión federativa cos Estados das demais nacionalidades de España. Do feito da
nacionalidade catalá nace o dereito á constitución dun Estado propio, dun Estado
catalán. Do feito da unidade política de España, do feito da convivencia secular de
distintos pobos, nace un elemento de unidade, de comunidade, que os pobos unidos
deben manter e consolidar. De aquí o Estado composto.
Estes dous feitos primarios, fundamentais -o da personalidade nacional de Cataluña e o
da unidade de España (...)- resólvense nunha fórmula de harmonía que é a Federación
española.
Así, o nacionalismo catalán, que nunca foi separatista, que sempre sentiu intensamente
a unión fraternal das nacionalidades ibéricas no seo da organización federativa, é a
aspiración elevada dun pobo que, consciente do seu dereito e da súa forza, marcha con
paso firme polo camiño dos grandes ideais da humanidade.
Henrique PRAT DE LA RIBA. A nacionalidade catalá. 1906 [catalán]
21. As propostas do PNV: o restablecemento dos foros
Nas provincias vascas, os sentimentos nacionalistas xurdiron cunha forte
radicalidade e insistiron na recuperación plena dos foros derrogados en 1876. A
autonomía só era un medio para afondar na consecución deses dereitos forais.
O nacionalismo vasco aspira a purificar e vigorizar a raza, a depurar e difundir o
euskera ata conseguir que sexa a única lingua de Euskadi e a purificar o espírito e
esclarecer a tradición do pobo vasco (...). Como norma do seu modo de obrar e
proceder (...) axustarase aos preceptos da pura moral católica (...).
O Partido Nacionalista Vasco quere a restauración completa en Araba, Guipúscoa,
Navarra, Biscaia, Laburdi e Zuberoa, das súas antigas leis fundamentais e o
restablecemento das súas Xuntas xenerais ou Cortes lexisladoras e de todos os
organismos de goberno e administración daquelas derivados. E pide, e traballará ata
conseguilo, que esas Xuntas ou Cortes e organismos funcionen de novo, investidos dos
mesmos dereitos, poderes e facultades que lles asistiron nas épocas da súa vida plena.
Como consecuencia de isto pretende, especialmente, a derrogación polo que respecta a
Araba, Guipúscoa, Navarra e Biscaia, da Lei de 25 de outubro de 1839, e en canto a
Laburdi e Zuberoa, das emanadas dos poderes da revolución francesa de 1789, e, en
xeral de todas cantas outras leis e disposicións foran ditadas polos gobernos de Madrid
e París que en algún modo impidan, diminúan ou coarten o libre funcionamento
daquelas Xuntas ou Cortes (...). Aspira, por tanto, o nacionalismo Vasco, na orde
política a retrotraer a situación política de Euskadi ao que era un feito nos tempos
anteriores ás datas en que esas disposicións atentatorias contra a súa constitución
política foron promulgadas.
PARTIDO NACIONALISTA VASCO. Manifesto. 15-12-1906 [cast.]
22. O integrismo político español
Na España liberal que se foi organizando e consolidando ao longo do século
XIX existiron numerosos grupos e tendencias contrarias e esa ideoloxía. Un
deses grupos foi o dos integristas ou neo-católicos formado por aqueles que
defendían a monarquía conservadora e a supremacía dos valores católicos, aos
que se debía axustar o sistema político. As súas orixes poden remontarse á
reconciliación entre a Igrexa e o réxime liberal de Sabela II, materializado na
sinatura do Concordato de 1851. En moitas ocasións formaron candidaturas e
partidos católicos-monárquicos cos que pretendían influír na Coroa e modificar a
lexislación liberal; as súas filas nutríronse con frecuencia con algúns carlistas
que, tras o fracaso das súas guerras, renunciaron a defender a candidatura dos
sucesores de Carlos de Borbón.
O Partido Católico Nacional, máis coñecido co nome de Integrista pola intransixencia
con que sempre sostivo a verdade, e loitou contra toda clase de liberalismos (...), naceu
á vida como tal partido no ano 1888 (...).
Que somos? Somos católicos, somos españois e non queremos ser ningunha outra
cousa (...). Proclamamos a soberanía social de Xesucristo (...); queremos que a súa
santa doutrina informe todas as cosas; e que leis, costumes, actos e institucións teñan
por fundamento a lei eterna que na terra custodia e ensina a Igrexa de Deus e o seu
Vicario infalible (...). Abominamos da liberdade de conciencia, de pensamento, de
cultos e de todas as liberdades de perdición con que os imitadores de Lucifer
perturban, corrompen e destrúen ás nacións (...).
Aceptamos como base do edificio social calquera forma de goberno, preferindo sempre
aquela monarquía coa que España foi brazo dereito da Igrexa, azoute da herexía e
civilizadora das xentes bárbaras, por crela máis conforme co carácter e tradicións
españolas. Como tanto na monarquía como na república cabe o absolutismo,
abominamos deste, e se se trata dunha monarquía, querémola "temperada", isto é, go-
bernando o rei coa axuda das Cortes (...). Queremos a reintegración absoluta do
réxime histórico e tradicional para todos os antigos reinos, principados, señoríos e
provincias.
PARTIDO CATÓLICO NACIONAL. Esquema do programa integrista. 1909 [cast.]
23. Argumentos sobre a ocupación de Marrocos
A ocupación de Marrocos causou unha profunda división de intereses entre os
gobernos e a oligarquía que os apoiaba, que buscaban o prestixio internacional e
a explotación económica do territorio, e as masas populares e organizacións de
esquerda, que se manifestaron contrarias á ocupación colonial.
Hoxe fálase de que vamos ocupar pacificamente o cabo Tres Forcas e Zeluán, na zona
de Melilla, e parte da rexión de Anyera, na de Ceuta. Corenta ou cincuenta mil homes
comezarán esa penetración pacífica de que tanto se vén falando (...). E por que vai
España realizar esforzo tan custoso e innecesario? Porque un monsieur Massenet quere
explotar negocios mineiros no Muluya; porque uns alemáns intentan facer o propio nas
comarcas que poboan os anyeras, e porque outros cidadáns teñen intereses mineiros en
Beni bu Ifrur (...).
Francia puido permitirse o luxo de soster unha campaña en Chauia. É o bastante rica
(...). Pero nós somos pobres e, ademais, non contamos con tropas dese calibre (...). Se a
nosa independencia, o noso honor nacional (...) estivesen ameazados, eu non escribiría
estas liñas (...). Pero nin o honor de España, nin o prestixio do exército, nin as
ambicións nacionais están en xogo. Ir a Marrocos a ocupar territorios que non nos
pertencen para compracer aos Messenet, aos Manesman e aos donos das minas de Beni
bu Ifrur, é tan ilóxico que parece mentira que se fale deles como dunha cousa que non
debe levantar a protesta da nación enteira.
España non quere novas aventuras. Odia a guerra e necesita a paz. Pero segundo
parece, nos círculos gobernamentais non teñen en conta estes desexos e préstanse a
empuxala a un abismo.
El Motín. 1-7-1909 [cast.]
España ten un compromiso sagrado que cumprir en Marrocos: o de que cese para
sempre ese estado de barbarie en que vive o pobo marroquí, e que cese tamén para
sempre a ameaza que para nós representa ter a praza de Melilla rodeada de tan feros
veciños, sempre dispostos a botar man aos fusís contra as nosas tropas. Imponse a obra
civilizadora en Marrocos; se non o facemos nós, outra nación europea nos botará de
alí; e que vergonza entón ver que outros fan o que a nós nos correspondía! E chegado
este caso verémonos ameazados na nosa propia casa ao instalarse nas costas marroquí
do Mediterráneo unha poderosa nación.
As nacións teñen sempre compromisos que cumprir; a nós preséntasenos o actual de
Marrocos e non hai outro remedio que aceptalo; ou o facemos nós, ou nos botarán de
alí e outro pobo se encargará de facelo, estendendo así a papeleta de defunción de
España como nación capaz de alternar con Europa.
Luís MUNTADAS [Presidente do Fomento do Traballo Nacional]. Declaracións, La
Tribuna. 21-7-1909 [cast.]
Se España desertase de Marrocos, aínda que as súas costas estean bañadas nunha
grande extensión polo Mediterráneo, deixaría de ser nación mediterránea. Para nós a
costa norte de Marrocos é tan indispensable como o foi para Francia o litoral
alxeriano, como o foi para Italia a Tripolitania, que para conseguila tivo que realizar
tantos esforzos; porque o mar Mediterráneo non separa, senón que une, é un reducido
corredor, e ao que ocupa unha das súas veiras non lle pode ser indiferente que a veira
oposta poida ser dominada por un ou por outro. Por iso para min non cabe dúbida: non
temos sequera o dereito de opción; a responsabilidade que haberiamos de contraer
ante as xeracións futuras sería enorme e, por tanto, para conservar a nosa posición
actual, todo sacrificio por grande que sexa, estímoo pequeno.
CONDE DE ROMANONES. Discurso [no Congreso de Deputados]. 5-11-1919 [cast.]
24. A versión das autoridades sobre a Semana Tráxica
O embarque das tropas en Barcelona con destino a Marrocos provocou, na
cidade e noutras localidades catalás o inicio, o 26 de xullo de 1909, dunha folga
xeral convocada por socialistas e anarquistas contra a guerra, o sistema de
recrutamento e a actuación do Goberno, que rematou nunha semana de protestas,
revoltas e fortes disturbios.
En Barcelona a folga afectou a todos os ramos, e ía estendéndose pola provincia. Logo
pasou a outras catalás. O carácter xeral demostraba a preparación revolucionaria (...).
Chegaban avisos de que tamén cortaban as liñas telegráficas e telefónicas (...).
Comezaban os incendios, ataques a comunidades, violacións, asasinatos (...) Cincuenta
conventos e igrexas foron queimadas, destruíronse moitas comisarías de policía e
reinou a desorde polas vacilacións do capitán xeneral nos primeiros momentos e a
escaseza de forzas. (...) Por fin chegaron as forzas (...). Eran columnas mixtas de tropas
e gardas civís. Os rebeldes foron varridos, dominados e destruídos en todas partes pola
Garda Civil. O venres estaba vencida a rebeldía. Restablecéronse as comunicacións e
entón o público soubo da verdade do sucedido, que produciu espanto e horror. E entre
os crimes que se cometeron ou se intentaron, xurdiu a figura de Ferrer, unha das
principais, ou tal vez a primeira, na dirección do movemento.
Xoán de LA CIERVA Y PEÑAFIEL [ministro de Gobernación]. Notas da miña vida.
1932 [cast.]
25. A loita dos vascos contra España
A radicalización do nacionalismo vasco levou á formación de grupos partidarios
de empregar todo tipo de medios, incluídos os violentos, para conseguir a
independencia de España.
O dilema está claro. Ou ser vencidos, ou vencer; ou morrer ou matar; ou edificar ou
destruír; ou Euskadi, ou España; ou o error, ou a verdade; ou a inxustiza, ou a luz de
Deus; ou a orde, ou a disolución. E aquí, como esencia do noso ser, resoa o grito de
guerra: "Gora Euskadi! Abaixo o poder de España en Euskadi! (...).
Dous procedementos se nos presentan ao noso intento de redención e vida digna. Son, a
saber: (...) ou o terrorismo, o odio fero e insaciable, a man negra, a destrución e a
morte, sen reparar en medios, irrefreable, ou o ataque impetuoso e franco; ou o engano
e a mentira, a adulación a esa cabicha europea, o viva España! sardónico (...), a
bandeira gualda na tribuna dos nosos mitins e no balcón das nosas sociedades, tan
longa que ata a poidan pisar e cuspir os “geimistas” ao pasar. Queda tamén un
terceiro medio, para min o más factible: o ordenado desenvolvemento dos dous xa
indicados á vez (...). E no fondo de todo isto (...) o amor rebordante a Euskadi, o odio
rebordante tamén á que no seu camiño se atravesa.
GEYME [abreviatura de Gora Euskadi Y Muera España e pseudónimo de Santiago de
MEABE]. O anarquismo nacionalista ou Viva España! Impresións ante a persecución,
Irrintzi. 1910 [cast.]
26. O protectorado de Marrocos
Na ocupación de Marrocos, España asinou con Francia varios tratados polos que
se repartían o territorio e, en 1912, decidiron crear un protectorado, polo que
recoñecían un goberno local, supervisado e controlado polos respectivos
gobernos de ambas metrópoles.
Art.1º.- O Goberno da República francesa recoñece que na zona de influencia española
toca velar a España pola tranquilidade de dita zona e prestar a súa asistencia ao
Goberno marroquí (...).
As rexións comprendidas na zona de influencia determinadas polo artigo 2º (...) serán
administradas, con intervención dun alto comisario español, por un califa que o sultán
escollerá dunha lista de dous candidatos presentados polo Goberno español. As
funcións de "jalifa" non lle serán mantidas ou retiradas ao titular máis que co
consentimento do Goberno español (...).
Art.5º.- España comprometese a non alterar non ceder en forma algunha (...) os seus
dereitos en todo ou en parte do territorio comprendido na zona de influencia.
Art.7º.- A cidade de Tánxer e os seus arredores estarán dotados dun réxime especial
que será determinado ulteriormente.
Tratado Hispano-Francés. 27-11-1912 [cast.]
27. As Irmandades da Fala
No terreo organizativo, o nacionalismo galego manifestouse inicialmente a
través da reivindicación e defensa da lingua, como eixe da personalidade galega.
En 1916 fundouse na Coruña a primeira das Irmandades da Fala.
Esta sociedade nomearase OS AMIGOS DA FALA GALEGA, e terá por obxecto:
a. Falar entre os asociados o idioma galego, espertando por el a afección e amor dos
fillos de Galicia.
b. Traballar por todos os medios para que os boletíns galegos teñan periodicamente
unha sección para que os escritores de fala galega poidan dar a coñecer as súas
producións; e traballar tamén ata que os Amigos da Fala na Coruña, poidan ter un
boletín polo menos cada quince días.
c. Acostumar aos asociados a escribir na nosa fala, facéndose polo menos unha vez
cada seis meses lectura dos traballos en prosa ou verso, no seu do Consello ou nunha
festa de asociados; e cando o traballo o mereza o seu autor recibirá o agasallo de
MESTRE DA FALA.
d. Sempre que sexa conveniente, ou o tempo o permita, faranse expedicións en días de
festa ás nosas aldeas, para que a contemplación de Galicia labradora esperte a
enxebreza nos AMIGOS DA FALA.
E todos os demais actos de traballo e propaganda que o Consello acorde.
AMIGOS DA FALA. Estatutos. A Coruña, 18-5-1916.
28. O galego, razón de ser de Galicia
Os obxectivos que Vilar Ponte e as Irmandades da Fala fixaron en 1916 foron
tanto a defensa, dignificación e cultivo do idioma galego como a potenciación da
propia identidade e a busca de solucións para os problemas económicos e
políticos de Galicia.
Os rexionalistas de ocasión (...) renegan da fala galega, rinse dela. Queren un
rexionalismo en castelán; queren un rexionalismo fillo do castelán, do castelán que ten
o orgullo de ter xerado, cal primoxénito, o centralismo! Isto é pedirlle peras ao olmo.
Isto é facer un corpo sen alma, que é o mesmo que unha cousa sen vida.
Toda a nosa personalidade está na lingua. Por iso os Amigos da Fala queremos que a
voz do pobo, gardadora providencial da nosa conciencia colectiva, veña a se enxertar
na voz da xuventude vilega, para restaurar así entre todos un sentimento, un
pensamento e unha acción que dean mañá o froito proveitoso do rexionalismo enxebre,
que fará progresar a Galicia esnaquizando aos logreiros e aos lavercos. (...) Por iso o
rexionalismo galego, en galego, é a nosa bandeira de redención (...).
Galicia é unha patria natural con lingua de seu. As dúas columnas do noso ideario, que
non tiveron en conta os sublimes precursores, seguíndose de aquí o seu fracaso. Temos
unha lingua propia, feitura de Deus e da natureza, que emprega aínda a maioría do
pobo, non tendo gramáticas nin dicionarios que axudaran a fixala, e pese a cinco
séculos de centralismo (...).
Hai, pois, unha política para nós: a grande política da lingua. Se conseguimos
interesar nesta política aos novos intelectuais e ás xeracións que veñen, volveremos a
ser fortes. Pobo que recobra a súa lingua, recóbrase a si mesmo.
Antón VILAR PONTE. A bandeira ergueita, A Nosa Terra. 14-11-1916.
29. As Xuntas de Defensa militares
En outono de 1916 organizáronse as Xuntas de Defensa militares, asociacións de
carácter corporativo formadas por oficiais de media e baixa graduación para
defender os seus intereses profesionais en materia económica. A perda do poder
adquisitivo dos salarios e a precaria situación económica da oficialidade
explican que se estendesen por toda España.
Art.1. Constitúese a Xunta de Defensa da Escala Activa da Arma de Infantería para
traballar pola súa mellora e progreso, para maior gloria e poderío da patria; para
defender o dereito e a equidade nos intereses colectivos e individuais dos membros dela
desde a saída da Academia ata o emprego de coronel inclusive. (...) Outro dos seus fins
é fomentar o verdadeiro compañeirismo, mutua axuda e perfecta e lendaria
cabaleirosidade, desenvolvendo estas virtudes na oficialidade e velando polo decoro e
o prestixio profesional, perseguindo (...) por unha parte, os medios e facilidades para
que poida adquirir e perfeccionar o oficial as aptitudes profesionais e, por outra parte,
que mellore a súa situación económica e renaza a interior satisfacción que nace dos
seus entusiasmos ao comezar a súa carreira, coa confianza na xustiza e equidade con
que serán apreciados os seus méritos e esforzos.
XUNTA DA ARMA DE INFANTERÍA. Regulamento. 1916 [cast.]
30. A Asemblea de Parlamentarios cataláns
Aproveitando a debilidade do Goberno, no seu enfrontamento cos militares, os
parlamentarios cataláns pediron a autonomía para Cataluña e a convocatoria de
Cortes para elaborar unha nova Constitución, ao mesmo tempo que convocaban
a todos os parlamentarios españois para deliberar sobre estes temas.
Seguidamente deuse lectura ás dúas proposicións presentadas. (...) A segunda (...)
propoñía: 1º. Proclamar a necesidade de organizar un réxime de ampla autonomía
administrativa de todos os municipios para que poidan desenvolverse con liberdade e
respondan aos seus fins naturais. 2º. Proclamar así mesmo a necesidade de organizar
un réxime de ampla autonomía administrativa das demais rexións españolas que
contribúa ao desenvolvemento de todos os seus elementos compoñentes, sen mingua da
unidade nacional. 3º. Declarar que o Parlamento español debe reunirse canto antes
para dar efectividade legal ás anteriores conclusións e resolver os demais problemas
presentados actualmente. En consecuencia, esperan que o Goberno, compenetrado con
este desexo, fará a convocatoria no momento que, ao seu xuízo, o permitan as
circunstancias.
ASEMBLEA DE PARLAMENTARIOS CATALÁNS. 5-7-1917 [cast.]
31. Balance da folga en Ourense
A folga xeral de agosto de 1917 foi convocada pola UXT e o PSOE con
obxectivos revolucionarios: o derrocamento do réxime e a convocatoria de
Cortes constituíntes. A folga viviuse de forma similar nas cidades españolas.
Durante a semana última folgaron todos os oficios. (...) Aínda que os obreiros
panadeiros folgaron, non faltou pan, pois os patróns, cumprindo a promesa feita,
elaborárono utilizando elementos propios. (...) O conflito tivo unha nota triste: a morte
do follalateiro Adolfo Pérez, contra quen a Garda Civil disparou por negarse a
renderse á intimidación da benemérita (...) Unha bomba estalou (...) na rúa do
Progreso na noite do martes, momentos despois do apagón do iluminado. (...)
O número de detidos por diferentes conceptos elévase a 30 (...). A Garda Civil segue
prestando servizo nas principais entradas da poboación e percorrendo as súas
inmediacións. A varias parellas foilles encomendada a busca e detención dalgúns
obreiros considerados como os principais directores do movemento (...) créndose que
se internaron en Portugal.
Onte, a Deputación provincial dirixiu unha expresiva carta ao gobernador militar,
testemuñando a súa admiración ao exército pola conduta seguida para reprimir os
disturbios.
La Voz de Galicia. 24-8-1917 [cast.]
32. As accións revolucionarias de 1917
A folga xeral revolucionaria convocada en agosto de 1917 fracasou pola falta
dunha estratexia clara; a actuación das forzas da orde pública e a represión
posterior causaron numerosas vítimas entre os participantes nas folgas e accións
reivindicativas.
A Alianza Revolucionaria (...) quixo "facer algo" despois da fracasada Asemblea de
Parlamentarios. Ese algo consistía nunha folga xeral revolucionaria. Pero quen había
de levar a cabo o movemento? Os que a propoñían, acaso? Non, por canto a maioría
eran burgueses. Querían, pois, a realización dun movemento especificamente político a
conta, precisamente, dos que máis odiamos a política. (...)
O movemento foi revolucionario, unánime e tan completo en toda España, que ignoro
que se producira outro igual en ningunha parte do mundo. As vítimas obreiras
contáronse por centos en todas as provincias da Península (...)
A folga, iniciada sen fin concreto algún, durou unha semana. Os obreiros de Asturias,
cun heroísmo que raiou a gran altura, prolongárona unha semana máis. En Biscaia
foron moitas as vítimas feridas. A represión fixo estragos nas filas obreiras. O comité
de folga de Madrid foi detido e os seus compoñentes -Anguiano, Besteiro, Largo
Caballero, Saborit, etc.- foron condenados a prisión perpetua.
Manuel BUENACASA [secretario da CNT]. O movemento obreiro español 1886-
1926. 1928 [cast.]
33. Autonomía e foralismo vasco
Nos territorios vascos, os sentimentos nacionalistas xurdiron con maior
radicalización insistindo na recuperación dos foros abolidos en 1876. A autonomía
era para os nacionalistas vascos, só un medio e unha estratexia para afondar na
consecución plena dos seus foros.
Son de diverso xénero a autonomía e o foralismo. Volvemos a insistir niso. De xénero
diverso, e ante un Estado superior extravasco, contraditorios. Porque a autonomía é
declaración e aceptación de rexionalismo; declaración e aceptación de que o autonómico
é parte ou membro dun todo, dun corpo, dun organismo superior. E o chamado foralismo
vasco é todo o contrario pola súa mesma natureza; declaración de integridade persoal
nacional (...) de Euskadi (...).
Aceptamos nós a tese autonomista sen encadeala coa nacional. Aceptámola ante a
realidade presente, coa reserva plena dos dereitos naturais e históricos da raza (...). E
canto máis avancemos por esta zona, encontrarémonos en mellores disposicións para
vasquizalo todo e crear o ambiente no que xurdirá a necesidade imperiosa do goberno
nacional pola restauración das constitucións e organismos chamados forais.
Medio, camiño de reintegración foral é a autonomía, e nada máis (... ). Admitir que co
triunfo desa fórmula chega a reintegración foral, tanto vale como adulterar os dereitos
do País (...). Iso non o pode facer conscientemente ningún vasco (...). Pero o que a
autonomía sexa incompatible cos foros, non quere dicir que sexa contraria aos intereses
da terra vasca (...). Hoxe formamos catro provincias do Estado español na Península; a
súa Constitución rexe aquí, e as leis provincial e municipal, coas orgánicas e adxectivas
doutros ramos da vida pública e privada, son as vixentes no territorio vasco. Nesta
situación, que é a nosa actual, a autonomía é un ben, e un ben inapreciable.
KIZKITZA [Engracio de ARANZADI]. Autonomía e reintegración foral, Euzkadi. 11-8-
1917 [cast.]
34. O dereito de Cataluña á autonomía
En Cataluña, as reivindicacións nacionalistas trataban de buscar a autonomía
política dentro de España e pretendían o recoñecemento da súa soberanía e do
feito diferencial catalán que debía expresarse a través da creación de órganos de
autogoberno e da defensa da súa lingua.
Eu dígovos que o nacionalismo catalán é un feito biolóxico, que a autonomía é unha
fórmula xurídica para resolvelo, e que fronte a un feito biolóxico caben, por parte do
poder público, tres actitudes e tres posicións: a de descoñecelo, a de combatelo, para
intentar extirpalo, e a de resolvelo mediante unha solución xurídica. (...)
Non queda, pois, señores, máis solución que afrontalo para resolvelo, e nesta posición,
que é a única nobre, a única digna, a única proveitosa para España, eu dígovos que hai
que resolver rápida e radicalmente (....). E isto esixe unha solución definitiva e non
debemos ilusionarnos crendo que o problema biolóxico do nacionalismo catalán é un
problema de autonomía administrativa (...). Non é iso; o problema biolóxico do
nacionalismo catalán, como de todos os nacionalismos, como de todas as afirmacións de
unha personalidade viva, é un problema de soberanía [rumores]; un problema, repito, de
soberanía que ten dous aspectos e dúas manifestacións. Un deles é a súa extensión e
outro a súa intensidade.
Entendo, señores deputados, que, dentro do límite a discutir que se fixe a soberanía do
Poder catalán, o Poder catalán debe ser absolutamente soberano para lexislar, para
rexer, para facer manter o respecto as súas decisións polos seus Tribunais e pola forza
pública (...). Para evitar toda transgresión, admitiremos nós todas as garantías, todas as
forzas do poder central; pero, dentro do campo acoutado da soberanía que se outorgue a
Cataluña non admitiremos outra sanción que a sanción dos nosos concidadáns.
Francisco CAMBÓ. Discurso [no Congreso]. 20-11-1918 [cast.]
35. Portugal e Galicia, nacións irmáns
Para os nacionalistas galegos Portugal era considerado como unha nación irmá e
como un referente da propia esencia. Entre os seus proxectos estaba o de
conseguir a federación ibérica coa integración de Portugal
Galicia ten que considerar a Portugal (...) como o baluarte da súa independencia
espiritual. Mentres Portugal exista como nación independente, Galicia non perderá
endexamais as esencias dunha personalidade propia (...). Galicia, emporiso, debe ter
sempre latexante no seu ideario nacionalista este principio:
1º. A liberdade e a independencia de Portugal considerámola os galegos como a nosa
mesma liberdade e independencia (...).
2º. Galicia considera o portugués como o galego nacionalizado e modernizado (...).
3º. Galicia considera que ela, con Portugal, forma nación completa, tallada polo
fatalismo histórico. E afirma que soamente Galicia pode ser prenda e única clave
dunha futura gran Iberia deste xeito: a) Recoñecéndolle España unha autonomía
integral (...). d) Inda sendo para nós accidental a forma de Goberno, pensamos que
unha República española federal facilitaría o progreso do iberismo (...). e) Portugal e
Galicia poderán pactaren un réxime dual como nacións que se recoñecen atraídas por
unha unidade superior, filla da común natureza (...). f) (...) Os nacionalistas galegos
teñen que acordaren dirixirse ao Goberno portugués co obxecto de que, na Conferencia
da Paz e dentro da Liga das Nacións, fágase interprete do noso desexo de autonomía
integral e da nosa dor de que (...) España é o único Estado (...) onde fica sen resolver
un problema da nacionalidades.
Antón VILAR PONTE. Pangaleguismo [proposición lida na Asemblea Nacionalista de
Lugo]. 18-11-1918.
36. Annual
En 1921 o xeneral Silvestre, co obxectivo de obter unha vitoria definitiva e
estimulado polo rei, realizou unha manobra arriscada coas súas tropas entrando
no Rif, coa intención de ocupar Alhucemas; pero non asegurou a retagarda e
dispersou demasiado aos seus homes. As cabilas do Rif, ao mando de Abd el-
Krim, atacaron a súas posicións obrigándolle a retirarse, perecendo a maioría dos
seus soldados en Annual.
A evacuación de Igueriben fixo fraquear a liña de vangarda e determinou que o
repregue a Annual, tanto do convoi como das forzas que o protexían, se fixese
apresurada e desordenadamente. Despois deste momento reinaba en Annual a maior
desorde, non só pola confusa chegada das forzas, senón por reunirse preto da tenda do
xeneral, feridos, mortos e fuxitivos de Igueriben que daban ocasión a todo xénero de
deprimentes comentarios. (...) Á porta da tenda do xeneral discutía acaloradamente un
grupo de xefes, entre os que estaba o coronel Manella, xefe da posición, que protestaba
porque era o único que votara na Xunta de Xefes por non abandonala e que estaba
disposto a suicidarse cando iso ocorrera. A testemuña fíxolle observar que así deprimía
a moral das tropas que o escoitaban, ao que lle respondeu o coronel que non lle
importaba.
CHACÓN [Capitán de Artillería] Declaracións [no Expediente Picasso]. 1921 [cast.]
37. As responsabilidade ante a guerra de Marrocos
En 1921 producíase o desastre de Annual, que provocou un forte impacto sobre a
opinión pública española. Na investigación sobre o ocorrido (Expediente Picasso)
difundíase a sospeita e a acusación de que detrás da acción do xeneral Silvestre
estaba a intervención do rei Afonso XIII, o que incrementou a oposición á
Monarquía.
Baixou a voz confidencial, -Toda a porcallada do Narizotas [Afonso XIII] está saíndo a
relucir: os millóns que lle pagou Marquet para abrir as casas de xogo, o Palacio do
Xeo e o Casino de San Sebastián, acórdaste? Tamén no Círculo de Belas Artes din que
está enzoufado o Narizotas-. Está nas minas do Rif con Romanones e o subministro de
camións para o exército con Mateu; e para colmo de todo, a liorta de Marrocos.
- E cal é a liorta de Marrocos?
- Puff! Unha historia sucia, porque resulta que é el o responsable do desastre.
Escribiulle a Silvestre a escondidas de Berenguer, e díxolle que seguise adiante. Din
ata que, cando Annual acababa de ser conquistado, mandoulle un telegrama a Silvestre
que dicía: “Vivan os teus collóns!” e cando se lle falou da catástrofe e dos miles de
mortos que había, dixo: “a carne de galiña é barata”. Claro é que todos os
reaccionarios están defendéndoo nas Cortes, pero os republicanos e os socialistas
están pegando duro. Ademais, hai outra cousa: agora que están mandando forzas
expedicionarias e todos os fulanos que escaparon co seu diñeiro de ir a Marrocos teñen
que ir, aínda que non queiran, moitos dos liberais queren que se depure a cousa. (...)
De todas as maneiras, unha cousa é certa: vai a haber un proceso.
- Un proceso! exclamei.
- Si. Un proceso para establecer a responsabilidade do que pasou en África. Os
xenerais están que rebentan de rabia. Ata ameazaron cun pronunciamento como nos
tempos de Sabela II. Pero agora as cousas son distintas; que veñan! Ímolos recibir cos
fogos artificiais.
Arturo BAREA. A forxa dun rebelde. A ruta. 1951 [cast.]
38. Autonomía política e galeguización
O nacionalismo galego defendeu que Galicia era unha nación perfectamente
diferenciada dentro de España. Mantén, en liñas xerais, a denuncia do atraso
económico e da opresión cultural de Galicia, a defensa do autogoberno integral,
e o rexeitamento do separatismo.
Queremos para Galicia unha autonomía tal que a capacite para resolver por si mesma
os seus problemas internos (...). O nacionalismo proclama que Galicia é unha entidade
natural, xeográfica, étnica e histórica, que ten unha personalidade propia e
inconfundible, e quere que esta personalidade sexa recoñecida e respectada. Quere
reivindicar a dignidade colectiva do pobo galego e como atentatorio contra esa nosa
personalidade (...) combate o centralismo español, sistema fracasado contra do que se
revolven hoxe non só Cataluña, Vasconia e Galicia, senón tamén Aragón, Andalucía e
Valencia, é dicir, todas as nacionalidades a eito que compoñen o territorio do Estado e
que teñen un resto de vergonza e dignidade. (...)
No que toca á conservación e cultivo constante da fala galega (...), á rexeneración da
nosa Universidade, das nosas escolas, do ensino nelas da lingua galega, do seu
emprego en obras literarias e científicas, do espallamento da nosa literatura polo
mundo enteiro, non faremos endexamais concesión ningunha, e propómonos traballar
sen descanso.
Vicente MARTÍNEZ RISCO. Isto é o que é o nacionalismo galego, A NosaTerra. 25-
6-1923.
39. Unidade de actuación dos nacionalismos periféricos
A imposición dun modelo de Estado unitario e centralizado foi incrementando a
actividade dos movementos nacionalistas especialmente a partir de 1917, mesmo
con acordos para defender xuntos as súas reivindicacións. Estas demandas
causaron fortes temores e repulsas entre os defensores da unidade nacional, como
o exército.
Os representantes dos patriotas vascos, galegos e cataláns:
I. PACTAN solemnemente unha alianza para a acción conxunta e a axuda mutua na
campaña pola liberdade nacional dos tres pobos.
II. DENUNCIAN que o réxime imposto polo Estado español a Cataluña, Euskadi e
Galicia é fillo das violencias pasadas e das coaccións presentes, e que carece do seu
consentimento.
III. PROTESTAN de que dentro da Europa reconstruída segundo o principio da
liberdade das nacións grandes e pequenas, Euskadi, Cataluña e Galicia continúen
sometidas, en contra da súa vontade, ás institucións, ás leis, á lingua e ós gobernos que
non lle son propios.
IV. REIVINDICAN o dereito das tres nacións a dispoñer libremente dos propios destinos
e a vivir segundo un réxime de plena soberanía política (...).
V. AFIRMAN a vontade dos galegos, dos cataláns e dos vascos de conquistar co propio
esforzo e por tódolos medios lícitos, a liberdade nacional.
VI. PROCLAMAN, para o caso de que a personalidade nacional dos pobos de Cataluña,
Euskadi e Galicia seguise descoñecida e pisada polo Estado español, o dereito á
apelación heroica.
VII. ACORDAN: a) constituír un Consello de tres delegados, un por cada nación (...). b)
confiar ó Consello (...) a tarefa de establecer os convenios concretos que respondan á
finalidade do presente pacto e que en cada momento as circunstancias podan esixir.
VIII. DECLARAN no nome dos patriotas vascos, galegos e cataláns que é o seu propósito
uni-las voces no berro de xustiza, darse a man na propaganda, unir as forzas na loita e,
se é preciso, mesturar a sangue no sacrificio.
Pacto de amizade e alianza entre os patriotas de Cataluña, Euskadi e Galicia.
Barcelona, 11-9-1923.
40. Apoios ao golpe de Estado
O golpe de Estado de 1923 e o inicio da ditadura de Primo de Rivera contou
cunha aceptación xeral entre a poboación e de diversos grupos políticos, como
un medio para solucionar os graves problemas existentes en España.
Non se podía seguir vivindo baixo o canón da pistola de asasinos e ladróns, mal
disfrazados pola capa do interese sindical obreiro; nin na desorde orxiástica dunha
Administración que chegara a ter como déficit anual a espantosa cifra de mil millóns
de pesetas; nin co nepotismo entronizado nas xerarquías administrativas (...), nin cunha
sangría como a de Marrocos, para o que o Goberno non encontraba solución práctica,
senón que nin sequera chegara a ter orientación precisa; nin coa chaga gangrenosa do
separatismo; nin cos problemas urxentes da vida rexional e local, colonización interior,
réxime da propiedade e do traballo, reforma xudicial, etc., perpetuamente discutidos e
constantemente aprazados, nin co desate da indisciplina e inmoralidade sociais, que
nos arrastraban a unha morte chea de vilipendio; nin co caciquismo parasitario, que
chupaba os zumes vitais da nación.
Víctor PRADERA. El Debate. 22-9-1923 [cast.]
Xurdiu o conflito político -militar. Quen o provocou? Indubidablemente os políticos, os
liberais desconcertados coas súas torpezas, ou coas súas prevaricacións; a historia
xulgaraos. Que consecuencias político -sociais aparecerán de todo isto? Esta é a gran
incógnita que preocupa a todos os españois. (...)
Este movemento [o de Primo de Rivera] debe ser un forte revulsivo para a opinión. Se
con esta sacudida o país non reacciona, haberá que dicir que os españois perderon
realmente o pulso. A gravidade dos momentos debe ser seriamente meditada por todos.
Algúns falan con medo da ditadura. Nós somos inimigos de toda clase de ditadura, sexa
da milicia, sexa do proletariado, sexa da aristocracia. Isto en principio e como modo
permanente de gobernar. Pero a veces unha ditadura pode ser necesaria, como a veces é
preciso o cauterio para queimar o podre. A actual política española é un pantano de
augas putrefactas e certamente que antes que ese pantano é preferible a ditadura.
El Ideal Gallego. 14-9-1923 [cast.]
41. O socialismo ante o golpe de Estado
O manifesto que Primo de Rivera dá en Barcelona, provocou unha escasa
oposición popular. O socialistas reaccionaron con rapidez e a súa actitude inicial
non foi de enfrontamento aberto, polo que non foron perseguidos, e mesmo
tiveron un achegamento e colaboración na nova lexislación laboral, polo menos
ata 1929.
Reunidas conxuntamente as Comisións Executivas do Partido Socialista e da Unión Xeral
de Traballadores ao decatarse dos acontecementos iniciados en Barcelona esta
madrugada, acordaron dirixirse aos seus afiliados, aos elementos simpatizantes e, en
xeral, á opinión pública, para explicar a súa actitude sen veladuras (...).
Ningún vínculo de solidariedade, nin sequera de simpatía política, nos liga cos
gobernantes. Ao contrario, merecen de nós os máis duros reproches (...). O pobo
encóntrase hoxe ante unha rebelión militar que, en síntese (deixando aparte motivos moi
secundarios ante a magnitude da desastrosa aventura de Marrocos), pretende intensificar
unha acción guerreira que en catorce anos de desenvolvemento só recolleu enormes e
sanguentos desacertos.
O que España repudia é o que precisamente queren impor os xenerais sediciosos. O
pobo, pois, non debe secundalos, a actitude da masa traballadora (...) debe consistir (...)
en illar a sedición que, capitaneada por xenerais palatinos, puido sorprender de modo
moi relativo á esfera do Goberno, pero non causou estrañeza no palacio de Miramar.
COMISIÓNS EXECUTIVAS DO PSOE E DA UXT. Manifesto. Madrid, 13-9-1923
[cast.]
42. Un voto de confianza nos inicios do novo réxime
As declaracións á prensa de Primo de Rivera nas que comentaba as intencións do
novo réxime, fixeron concibir esperanzas de cambio e de solución a vellos
problemas, o que explica que determinados sectores, como os nacionalistas, deran
un voto de confianza agardando que cumprise as promesas iniciais.
Os militares fixéronse donos de España e botaron a todos os políticos que constituían o
goberno do desgoberno. Isto so é unha boa acción digna de loanza. Nós, que decote
combatemos a noxenta politiquería, que traballamos por espertar a conciencia cidadá e
derrubar o caciquismo que impedía o progreso do país, temos que ver con simpatía ese
xesto que coidamos benfeitor (...). Nas declaracións do xefe deste movemento vemos que
ten acollida a posibilidade dunha descentralización administrativa; que se admite, como
non podía menos de suceder, o uso dos idiomas rexionais; que se suprimirán quizá as
actuais Deputacións Provinciais. E todo isto xa é un adianto das nosas ideas e das
conveniencias do noso pobo, escravizado por un caciquismo cruel e rutineiro.
A Nosa Terra. 1-10-1923.
43. Declaracións do ditador no inicio do seu mandato
O novo réxime instaurado tras o golpe de Estado encabezado por Primo de
Rivera pretendía ser unha paréntese breve (tres meses me bastan, dixo) para
solucionar os problemas do país e lograr a rexeneración da vida pública.
Esta é unha solución firme, pero non definitiva. É unha paréntese de curación.
Queremos borrar todos os vestixios da política desprestixiada e establecer un réxime
novo. O directorio asumirá o poder durante quince, vinte, trinta días, o prazo necesario
para que o pobo mesmo nos facilite homes públicos civís, pero non pertencentes á clase
política, capaces de gobernalo. Para garantir a tranquilidade do país e a nosa
independencia durante este período necesitabamos acudir a medidas de excepción. Por
iso se declarou o estado de guerra en toda España e en breve suspenderemos as
garantías. (...)
Vamos disolver as Cortes. Non co propósito de gobernar sen elas, senón simplemente
para ver o modo de elixir outras mellores (...).
Non, non queremos derrogar a Constitución. O que pasa é que probablemente nos
veremos obrigados a saltar sobre ela, sempre cun bo propósito. (...)
O Somatén deu un resultado magnífico en Cataluña. (...) Vamos a organizar o Gran
Somatén Nacional en toda España. Esperamos que cada rexión nos dea 50.000 homes,
e esta será una garda cívica admirable. Para ser somatén basta ser un home honrado e
resolto a manter a orde social. Non creo que haxa escaseza de homes desta categoría
en España. Ten esto algunha semellanza co fascismo, é indubidable; pero non hai por
que chamalo fascismo, tendo o nome de Somatén, que é moi español. Cando o Gran
Somatén estea organizado será moi difícil que a mala semente volva a asomar en terra
española.
Entrevista a Miguel Primo de Rivera, El Sol. 16-9-1923 [cast.]
44. Consellos para lograr a rexeneración
A ditadura de Primo de Rivera tomou unha serie de medidas para a rexeneración
da vida política. Entre estas medidas estivo a creación dos delegados
gobernativos encargados, en cada partido xudicial, de informar sobre as
deficiencias dos concellos e de propoñer remedios.
Fago saber: que sendo necesario espertar a alma da raza, adormecida e entumecida
polas organizacións caciquís e enredos da baixa política, devolvendo aos cidadáns a
súa "clásica altivez española", aumentando o seu vigor físico e o seu nivel moral,
abrindo o espírito á esperanza de que os nenos de hoxe, homes de mañá, sexan máis
conscientes e máis útiles que os seus proxenitores, quitando ou polo menos reducindo
do noso mapa o borrón vergonzoso do analfabetismo, terase presente o seguinte:
Nin de día nin de noite se permitirá tirar á vía pública augas sucias, lixo, cinzas,
cristais, etc. Igualmente, facer necesidades a menor distancia de 200 metros do pobo.
Queda prohibido que os porcos anden libremente polas rúas. (...)
En honor de vós mesmos: respectádeos e para iso comezade por respectar ás
autoridades, sacerdotes, mestres e anciáns. Tratade con afecto ao cego, ao desvalido,
ao inválido, ao mendigo e ao neno. Saudade na rúa a toda persoa de respecto e a todo
semellante cando vos crucedes con el no campo e camiños, tendo como norma que
saudará primeiro o que teña máis educación.
Sede aforrativos, pensando en mañá, en posibles momentos de apuro. No vos
embriaguedes; o borracho produce asco e desprezo. Fuxide de enfermidades
voluntarias que depauperan a raza, que producen fillos tarados ou idiotas.
DELEGADO GOBERNATIVO. Bando. 1924 [cast.]
45. A represión das manifestacións nacionalistas
Unha das primeiras actuacións do Directorio militar estivo dirixida contra as
reivindicacións dos nacionalistas da periferia peninsular, causa inmediata, segundo
o ditador, da maioría dos graves males que padecía España por entender que
atentaban contra a unidade do Estado e da patria.
Señor: dos males patrios que máis demandan urxente e severo remedio, é o sentimento,
propaganda e actuación separatista, que ven facéndose por odiosas minorías (...) O
Presidente do Directorio Militar hónrase dirixíndose a V.M. e, de acordo con el, somete á
resolución da V.M. medidas e sancións que teñen que evitar o dano apuntado (...).
PARTE DISPOSITIVA. Art.1º. Serán xulgados polos tribunais militares, a partir da data
deste decreto, os delitos contra a seguridade e unidade da patria, cando tendan a
disgregala, restarlle fortaleza, e rebaixar o seu concepto, xa sexa pola palabra, por
escrito, pola imprenta ou por outro medio mecánico ou gráfico de publicidade e difusión,
ou por calquera outro acto ou manifestación. Non se poderá izar ou ostentar outra
bandeira que a nacional, en buques ou edificios, sexan do Estado, provincia ou
municipio, nin en lugar algún, sen máis excepción que as embaixadas, consulados,
hospitais e escolas e centros pertencentes a nacións estranxeiras.
Art. 2º. (...) As enxeñas, pendóns ou bandeiras tradicionais ou históricas de avoengo
patriótico (...) poderán ser ostentadas en ocasións e lugares adecuados sen incorrer en
penalidade algunha. Expresar ou escribir en idiomas ou dialectos as cancións, bailes,
costumes e traxes rexionais, non son obxecto de prohibición algunha; pero nos actos
oficiais de carácter nacional ou internacional non poderá usarse polas persoas investidas
de autoridade outro idioma que o castelán.
AFONSO XIII. Real Decreto [a proposta do Presidente do Directorio Militar, Miguel
Primo de Rivera]. 18-11-1923 [cast.]
46. A opción separatista catalá
A persecución dos nacionalismos periféricos durante a ditadura de Primo de
Rivera provocou a súa radicalización. En Cataluña produciuse un incremento do
rexeitamento da monarquía e da defensa do separatismo como medio para
conseguir as súas demandas.
Segue a historia de España. A dos tristes destinos. Por sorte para o renacer das
nacionalidades ibéricas, camiña rapidamente ao seu afundimento total e definitivo. O
movemento militar que entronizou a ditadura -que é convulsión de morto, síntoma
evidente da agonía do Estado que a sofre- non é máis que unha nova pirueta de España
cara ao abismo.
Os militares da "camarilla" do rei, con tal de ver se podían salvar o que xa non ten
salvación posible, fixéronse cargo do goberno co aire de suficiencia que lles
caracteriza, e tras o que se esconde -como todo o mundo sabe dende hai moitos anos- a
incompetencia máis absoluta (...).
Que vén despois? Por riba do anonadamento xeral do país, que indica o afundimento
inminente dun Estado caduco, érguese, nuns lugares dunha forma máis definida que
noutros, o espírito das nacionalidades ibéricas (...). Elas (...) son as que salvarán ao
pobo, que é unha realidade, da catástrofe do Estado, que é unha ficción.
Por isto preconizamos a solución separatista (...). Libres as nacións, cada quen co seu
goberno propio e coas leis que liberrimamente queiran aplicarse, ninguén lles privará
de crear (...) as relacións e os compromisos que boamente conveñan (...).
Cataláns! (...) É a hora da irmandade (...) ata conseguir a independencia de Cataluña;
ata a instauración da República catalá; ata a definitiva posta en marcha do Estado
catalán.
Francisco MACIÀ. Por Cataluña independente. Cataláns! 1924 [catalán]
47. Intelectuais contra Primo de Rivera
As actuacións da ditadura na censura da prensa, nas reivindicacións nacionalistas e
nas actividades culturais, provocaron a oposición aberta dalgúns intelectuais, entre
os que destacaron desde un principio, Vicente Blasco Ibáñez e Miguel de
Unamuno, que sufriron unha implacable persecución e o exilio, desde onde
dirixían fortes críticas ao réxime e ao ditador.
Non é difícil reconstruír pacificamente España baixo unha forma moderna que permita
todos os progresos. Antes que nada cómpre que o rei se marche. (...) Constituirase un
Goberno provisional composto de todos os elementos que o réxime caído non contaminou
e a nación poderá expresar libremente as súas opinións e restablecer a vida
constitucional. (...)
Se a maioría do país opta por un rei, seu voto será cumprido, entendéndose que esta nova
monarquía será máis limpa e menos retrógrada que a que existe hoxe. Só penso nesta
posibilidade para demostrar o meu respecto pola opinión nacional, pero supor que o
réxime monárquico poida triunfar nun plebiscito tras os acontecementos actuais, xa
comprendo que en certo modo é como imaxinar que o sol poida aparecer no medio da
noite.
Afonso XIII, o responsable do desastre de Annual, (...) coidouse de demostrar aos máis
torpes o que custa a un pobo ter un rei.
Se o plebiscito proclama a república, teremos unha república verdadeiramente nacional,
onde poderán realizarse todas as aspiracións do pobo español, que, por contraditorias
que poidan parecer, estarán guiadas polo desexo común do ben xeral. (...) Pero, repito,
para que esta transformación nacional sexa posible, cómpre que antes o rei deixe
España. (...)
O proceso dos reis cando estes no souberon tomar a precaución de chegar a tempo,
rematou ás veces de maneira tráxica. A Inglaterra de Cromwell e a Francia da
Convención sábeno ben.
Vicente BLASCO IBÁÑEZ. Afonso XIII desenmascarado. El terror militarista en
España. 1924 [francés].
O amor a España e á xustiza, esixe hoxe que se insulte a un poder arbitrario que está
deshonrando e envilecendo a patria. (...) Non profunda tristeza, senón profunda vergoña
debía darlles a vostedes os que forman ese triste Directorio, que non é poder porque
nada pode, nin Directorio, pois nada dirixe, profunda vergoña de colaborar cos
dexenerados tiranos sen siso algún e movidos de baixísimas paixóns e de ter que encubrir
os seus atropelos, os seus disparates e as súas toleadas. Votedes son máis culpables que
eles.
Os que aceptaron os cargos de comparsa que vostedes ocupan despois daquel
vergonzoso manifesto do 12 de setembro de 1923, baldón de España, non merecen o
respecto dos cidadáns dignos e honrados. Son os que máis contribuíron ao descrédito de
España ante o mundo civilizado. (...) Vostedes non poden chamarse poder, porque non
son máis que a impotencia suma. O seu papel foi o máis vergonzoso dos papeis. Hoxe, o
deber dos españois honrados é formar unha unión patriótica para botar aos tiranos e
procesalos, xulgalos e condenalos. E a vostedes outorgarlles o compasivo perdón que se
outorga aos cómplices por medo insuperable e por servilismo de pobre funcionario que
defende o seu emprego.
Miguel de UNAMUNO. Carta [ao xeneral Vallespinosa, membro do Directorio militar].
París, 4-10-1924 [cast.]
48. Consecuencias da sanjuanada
Durante o Directorio militar a oposición foi minoritaria, individual e pouco
significativa, pero o intento de perpetuar o réxime en 1925 alentou ás forzas
políticas e sindicais que iniciaron unha oposición máis aberta e crítica, aínda que o
primeiro intento serio, protagonizado polos propios militares en 1926 resultara un
fracaso.
S.M. o rei (q.D.g.) serviuse de impor as multas que se detallan ás persoas que se
expresan na adxunta relación, sen prexuízo doutras responsabilidades en que poidan
haber incorrido, por haberse comprobado, por contrastados informes de Policía, a súa
intervención ou concomitancia, máis ou menos acentuada, na preparación de sucesos que
puideran determinar grave dano á nación (...).
É así mesmo a vontade da S.M. que as expresadas multas sexan esixidas por
procedemento de constrinximento xudicial, e que mentres non estean satisfeitas e se faga
así público na Gaceta de Madrid, non se autorice a ningún dos multados a dispor das
súas contas correntes, bens mobles e inmobles, nin ningunha operación que puidera
dificultar a exacción das referidas multas.
Relación que se cita:
Excmo. Sr. don Valeriano Weyler Nicolau 100.000 pesetas
Excmo. Sr. don Francisco Aguilera y Egea 200.000 "
Excmo. Sr. conde de Romanones 500.000 "
Excmo Sr. don Segundo García y García 200.000 "
Don José Manteca y Rager 100.000 "
Don Marcelino Domingo Sanjuán 5.000 "
Don Eduardo Barriobero y Herranz 15.000 "
Don Mariano Benlliure y Tuero 2.500 "
Don Antonio Lezama 2.500 "
Excmo. Sr. don Domingo Batet y Mestres 15.000 "
Don José Bermúdez de Castro y Vilardebó 2.000 "
Don Gregorio Marañón y Posadillo 100.000 "
Don Amalio Quílez Berenguer 1.000 "
AFONSO XIII. Real Orde [a proposta de Miguel Primo de Rivera]. 2-7-1926 [cast.]
49. A Asemblea Nacional Consultiva
No intento de instaurar un réxime corporativo, Primo de Rivera constituíu unha
Asemblea Nacional de carácter consultivo, que tiña a función de presentar ao
goberno as leis constituíntes polas que se debía rexer o novo sistema.
A Asemblea Nacional (...) que se proxecta non será o Parlamento, non lexislará, non
compartirá soberanías; pero por encargo do Goberno, e aínda por iniciativa propia,
colaborará na súa obra con carácter e independencia garantidas pola súa orixe, pola
súa competencia e polos seus foros. (...)
Tres grandes núcleos proponse a V.M. que integren a Asemblea. Un, de representantes
do Estado, as provincias e os municipios, que son as grandes rodas integrantes da vida
nacional. (...) Outro, de representación de actividades, clases e valores. (...) E o
terceiro, designado polas Unións Patrióticas e como representación da gran masa
apolítica cidadán. (...)
En suma, señor, esta Asemblea Nacional (...) constituirá un organismo vivo, integrado
por escollidos cidadáns, aptos para facer oír a súa voz e o seu consello en difíciles
momentos nacionais, que todo goberno debe ter previstos.
Miguel PRIMO DE RIVERA. Discurso. 1926 [cast.]
50. Organización corporativa do traballo
A lexislación laboral da ditadura primorriverista tiña como finalidade
regulamentar as relacións entre o capital e o traballo, solucionar as diferenzas de
clase entre os obreiros e patróns, restaurar a disciplina do traballo e incrementar
a produción.
Art.1. Os elementos que integran a vida profesional española constituiranse sobre a
base de organismos especializados e clasificados (...) mediante a creación de entidades
corporativas de xurisdición graduada. (...)
Art.3. Para a representación, dentro de cada grupo profesional, nos organismos
corporativos, servirá de base o censo da asociación patronal e obreiro establecido polo
Ministerio de Traballo e Previsión (...).
Art.4. Aos efectos da organización profesional española, entenderase por Corporación
o organismo público que comprenda os comités paritarios (...).
Art.5. Os comités paritarios son institucións de dereito público coa fin primordial de
regular a vida da profesión ou grupo de profesións que corresponda (...).
Art.8. Os organismos paritarios (...) serán: 1. Comisións paritarias locais menores. 2.
Comités paritarios locais e interlocais. 3. Comisións mixtas de traballo. 4. Consellos de
Corporación. 5. Comisión delegada dos Consellos de Corporación.
Real decreto-lei da Organización Corporativa Nacional. 26-11-1926 [cast.]
51. O programa da Federación Anarquista Ibérica
Os anarquistas opuxéronse abertamente á ditadura, o que lle valeu unha forte
represión e prohibición, aínda así o anarquismo mantívose activo na
clandestinidade e organizou en 1927 a FAI, que concretaba o seu programa de
actuación ideolóxica e práctica no manifesto de 1928.
Caros camaradas: O Comité da Federación Anarquista Ibérica diríxese por primeira vez
a vós para notificarvos un pouco das nosas inquietudes, e algo tamén das nosas
aspiracións, nestes momentos de intenso dolo para todo o proletariado da península
ibérica. (...)
Todas as réplicas de Primo o dexenerado, en torno a un novo rexurdimento de todos os
valores morais e materiais do país, é un medio de enganar aos imbéciles. (...) A pesar de
que a nosa situación política foinos adversa, o noso espírito sobrepúxose á situación (...).
No mes de xullo celebramos unha conferencia nacional, en cuxo comicio tomáronse
acordos e normas (...). O máis importante para nós foi o acordo de formar a Federación
Ibérica e ampliar por medio dese organismo o radio de acción dos nosos ideais. (...)
Queremos afirmar o anarquismo (...); existe ben claro o propósito decidido de encamiñar
o anarquismo nun movemento social vivo e real como orientador das masas populares e
do pobo en xeral. O anarquismo non é, non debe ser, un movemento de crítica filosófica;
nada diso. O noso movemento debe confundirse co pobo en todas as súas organizacións e
orientalas para facer delas un baluarte latente e un expoñente real, en medio da
sociedade capitalista.
COMITÉ DA FAI. Manifesto. Xaneiro 1928 [cast.]
52. Primo de Rivera na Coruña
En agosto de 1928 Primo de Rivera viaxou a Galicia e na Coruña celebrou
Consello de Ministros os días 14 e 15; a cidade agasallou aos membros do
Goberno con múltiples celebracións e os afiliados e simpatizantes da Unión
Patriota tiveron ocasión de manifestar a súa admiración ao ditador, quen mostrou,
unha vez máis, nos numerosos actos públicos celebrados no seu honor, o seu
carácter e talante.
O señor Primo de Rivera ostentaba unha flor na solapa (...) e a insignia da Unión
Patriótica. (...) A banda de música do rexemento de Sabela a Católica, situada na
praciña, interpretou un selecto programa durante o acto. Cando este ía mediado,
entraron no comedor os gaiteiros de Soutelo de Montes (...) que tocaron unha alborada e
outras obras, entre grandes aplausos. (...) Levantouse a falar o xefe do Goberno. Todos
os presentes póñense en pé. Os vivas son enxordecedores. O balbordo é tan grande que o
presidente fai acenos de que non lle é posible falar, e invita a todos a que se senten. El
señor Fraga [presidente do Comité Provincial de U.P.], a berros, roga que se faga
silencio. O xeneral Primo de Rivera di: -Con que se cale cada un... Ao fin faise o silencio.
(...)
"Onte, despois das manifestacións que presenciei, inesquecibles, non era posible que
tivese tranquilidade para falar do ideario do Goberno e da Unión Patriótica. Tiven que
limitarme a dar as grazas polo magno recibimento. (...)
De tal modo se manifestou onte o pobo na Coruña, nas vosas rúas, que eu vou anticipar
unha idea: e é que, de acordo con todo o Goberno, determinei que a provincia enteira de
A Coruña quede dispensada de todos os actos de efusión patriótica que decidimos se
realicen en España para festexar o próximo 13 de setembro. (...) Os pobos son moi
sensibles a estas expresións, e se se lles pide outro día que realicen o mesmo esforzo,
para que nos demandas -diranse- (...) o que xa dimos, o que xa sabes? (...)
O que é necesario é que preparemos o corpo nacional, o que é preciso é educar á nova
xuventude nun sentido apolítico, para a Patria e coa Patria, con razón ou sen ela; para
que esas bandeiriñas que vemos inocentemente sostidas polas mans dos nenos das
escolas formen ante os seus corazóns e arraiguen neles como árbores dun bosque de
sentimentos patrios, florecentes e louzáns (...).
Paisanos da Coruña -remata dicindo o presidente-, galegos das catro provincias e
españois de toda España! Quen nos contemplen a través destes cristais, encontrarán un
grupo de homes namorados da súa obra (...) que aspiran a que os seus nomes sexan
pronunciados con respecto (...) no futuro (...), como falamos dos tempos gloriosos dos
Reis Católicos e das súas empresas".
La Voz de Galicia. 15-8-1928 [cast.]
53. Primeiro manifesto da ORGA
No contexto xeral do republicanismo e da crecente oposición á ditadura de Primo
de Rivera, naceu na Coruña unha nova organización chamada a ter unha
importante repercusión estatal, a Organización Republicana Galega Autónoma,
liderada por Antón Vilar Ponte e Santiago Casares Quiroga.
Hoxe cada galego sinte tan fondo o berro da raza, e de tal maneira se solidariza coas
cuestións da súa terra, que xa non se contenta con sentila e amala, senón que se apresta
a destacala e impoñela. Galicia ten hoxe, ademais dunha personalidade, unha conciencia
dela e da súa misión no mundo (…). Somos federais custe o que custe e republicanos a
marchamartelo, polo que estaremos sempre ao lado e en contacto co resto do
republicanismo español, hoxe sostido por un único ideal e perseguindo un obxectivo
único que para nós foi e é a razón de existencia: a instauración en España da república
federal. (…) Podemos chegar a crear unha España poderosa e, irmandándonos con
Portugal, poder conseguir que Iberia alce a súa nobre figura nos futuros Estados Unidos
de Europa.
ORGA. Manifesto. Outubro de 1929 [cast.]
54. Os militares responden a Primo de Rivera
A oposición á ditadura foi medrando, especialmente desde 1929. Primo de
Rivera, querendo comprobar o grao de apoio do exército, consultou aos xefes
militares se contaba coa súa confianza. A resposta ambigua e de falta de
entusiasmo provocou a súa renuncia.
Coa sinceridade que é na miña conduta unha característica especial e coa lealdade que
debo a VE, como xefe e como amigo, non debo de ocultarlle a gravidade e a
transcendencia que ao meu xuízo representa tal exploración. (...)
En realidade, esta exploración ten os visos doutro golpe de Estado. A disxuntiva é esta:
se se conta co exército e a mariña, séguese no poder (á forza e pola forza, este é un
golpe de Estado); en caso contrario déixase. A quen? Como? En que forma? (...) E a
min se me ocorre: se o Goberno, como parece, ten a confianza da SM, non cabe dúbida
que debe continuar no poder, sen consulta previa ao exército e á mariña, porque a
consulta significa debilidade dun lado e doutro mesturar ao exército en cuestiones
políticas, das que debe permanecer afastado. (...) Existe unha ditadura que conta coa
confianza do rei e un exército subordinado en xeral que non gusta de mesturarse en
cuestiones políticas? Pois exérzase esta ditadura.
BARRERA [xeneral]. Resposta a Primo de Rivera. Xaneiro 1930 [cast.]
55. Solucións simples para grandes problemas
O escritor Eduardo Mendoza fai nesta novela unha espléndida recreación do
ambiente barcelonés no período comprendido entre as dúas exposicións
Universais celebradas na cidade en 1899 e 1929. O contexto desta última dá pé ao
narrador para poñer en boca do ditador a súa visión persoal da situación de
España, facer balance da súa xestión e caracterizar a súa personalidade.
Abandonado de todos, pero remiso a deixar o poder en mans alleas, o ditador cifraba
agora as súas esperanzas na Exposición Universal de Barcelona. Cando me fixen cargo
do goberno de España era unha ola de grilos, un país de terroristas e mangantes; en
poucos anos transformeina nunha nación próspera e respectable; hai traballo e paz, e
isto verase de maneira irrecusable na Exposición Universal; aí os que hoxe me critican
terán que humillar a fronte, dixo. O ministro de Fomento permitiuse facer unha
observación: este plan da Vosa Excelencia, que é magnífico, esixe por desgraza uns
desembolsos que superarían as nosas posibilidades, dixo. Isto era certo: a economía
nacional sufrira un deterioro pavoroso nos últimos anos, as reservas estaban exhaustas e
a cotización da peseta nos mercados exteriores era xa cousa de risa. O ditador rascou o
nariz. Diantre, rosmou, eu cría que os gastos da Exposición correrían a cargo dos
cataláns. Raza de avaros!, agregou entre dentes como para si. Con tacto exquisito o
ministro de Fomento lle fixo ver que os cataláns, á marxe das súas virtudes ou defectos,
negábanse a gastar un peso a maior gloria de quen os estaba maltratando sen tregua.
Voto a bríos!, exclamou Primo de Rivera, ¡pois si que ten pelos o asunto! E si
deportásemos aos desafectos? Son varios millóns, meu xeneral, dixo o ministro do
Interior. O ministro de Fomento alegrouse de que o peso da conversación recaese agora
sobre os ombros do seu colega de gabinete. Primo de Rivera golpeou a mesa cos puños.
Me cago encima de todas as carteiras ministeriais!, dixo. Pero non estaba anoxado,
porque acababa de ter unha idea salvadora. Está ben, dixo, isto é o que imos facer:
subvencionaremos outra Exposición Universal noutra cidade de España: Burgos,
Pamplona, a que sexa, da igual. Vendo que os ministros lle miraban con estupor sorriu
arteiramente agregou: Non fará falta que gastemos moito nesto; cando os cataláns se
decaten do plan botarán a casa pola fiestra e gastarán sen taxa para que a Exposición de
Barcelona sexa a mellor das dúas. Os ministros tiveron que convir en que a idea era boa.
Só o ministro de Agricultura se atreveu a obxectar algo: Alguén haberá que nos
desenmascare, que poña en evidencia esta manobra, dixo. A este deportarémolo, bramou
o ditador. Agora as obras da Exposición Universal de Barcelona avanzaban a todo gas;
unha vez máis a débeda roía o patrimonio municipal. Montjuich era a ferida pola que se
desangraba a economía da cidade. O alcalde e cantos se mostraron remisos á idea,
cantos se opuxeron ao malgasto foron marxinados sen contemplacións e as súas
atribucións foron confiadas a persoas fieis a Primo de Rivera. Entre estas persoas había
algúns especuladores que aproveitaron o descontrol para facer o seu agosto. Os
periódicos só podían publicar noticias afagadoras e comentarios aprobatorios do que se
estaba facendo; senón, eran censurados, eran secuestrados dos quioscos, os seus
directores eran multados severamente. Grazas a isto Montjuich íase transformando
nunha montaña máxica.
Eduardo MENDOZA. A cidade dos prodixios. 1986 [cast.]
56. Balance final, explicación da fin da ditadura
Primo de Rivera fai unha valoración e xustificación do fracaso da ditadura, ao
que contribuíron diversos sectores sociais enfrontados ao ditador, como o corpo
de Artillería e os estudantes universitarios e os intelectuais.
Como defecto de organización da ditadura na súa actuación civil, debo sinalar o de que
se pareceu demasiado a un goberno normal, cando os da ditadura deben ser exercidos
máis persoalmente (...).
Hei de sinalar que ademais do meu erro de estruturación do goberno civil, acaso
cometemos todos o de abarcar demasiadas cousas, afanosos de levar ao país ao maior
grao de engrandecemento e prosperidade. En efecto, pasámonos de dinamismo e elo
influíu en que algunhas das nosas obras carezan de solidez. (...)
Tres combates moi duros e prolongados tivo que rifar a ditadura civil e a eles sen
dúbida debe o quebranto e desgaste que se fixeron ben visibles no ano pasado. Foi o
máis importante o da aplicación á arma de Artillería do sistema xeneral de ascensos en
campaña (...). Desgraciadamente para todos, para eles, para o goberno e
principalmente para a patria, a ofuscación rebordou todas as previsións, non houbo
medio de entenderse e producíronse actos e déronse espectáculos, cuxo dano non
desaparecerá en medio século. (...)
Foi o segundo combate o do monopolio do petróleo. Tampouco en este podía prever o
goberno a heteroxeneidade e poder das forzas que habían de combatelo dentro e fóra
de España. (...)
A terceira batalla rifada pola ditadura foi contra as clases escolares, tanto o
profesorado, como os estudantes (...). Pero nestes sectores máis que noutro calquera, o
número non conta porque a masa, tanto de estudantes como de profesores de orden,
como de familiares dos primeiros, é pasiva e contempla en silencio e sen protesta os
atropelos e estridencias duns poucos que se arrogan a representación da clase. (...)
A crise sobreveu en forma que todos coñecen, e agora volve sonar ese grito do 98 e o
do 9 e o do 21, que se expresa na palabra "responsabilidades". (...)
Respecto á ditadura, o mesmo balance que acabo de facer o demostra, non hai caso; os
acertos e beneficios da súa xestión superan en moito aos posibles erros (...).
Responsabilidades penais cantas sexan xustificadas, pero as políticas, pertencen só ao
xuízo histórico. (...)
Facer contra unha ditadura tan legal como foi a de España, pois o mundo enteiro
recoñeceuna e eloxiouna, unha obra de demolición, sería actuar anarquicamente, e a
anarquía de arriba se desborda facilmente en tormentas.
Miguel PRIMO DE RIVERA. Artigo [publicado varios días despois da súa morte].
Diario de Barcelona. 23-3-1930 [cast.]
57. Un intento de recuperar a normalidade constitucional
Despois da dimisión de Primo de Rivera, nun intento de restablecer a normalidade
da vida política, Afonso XIII asina un decreto de amnistía para delitos políticos e
de prensa con motivo do primeiro cabodano da raíña Cristina de Habsburgo
proposto polo novo xefe de Goberno, o xeneral Dámaso Berenguer.
A proposta do presidente do meu Consello de Ministros e de acordo con este, veño en
decretar o seguinte:
Art.11. Concedo amnistía, calquera que sexa a pena imposta ou que corresponda impor:
a) Aos acusados ou condenados por delitos de rebelión, sedición común e militar (...).
b) Aos acusados ou condenados por delito ou falta cometidos por medio da imprenta, o
gravado ou outro medio mecánico de publicación, ou por medio da palabra falada en
reunións, manifestacións, espectáculos públicos ou análogos actos de calquera clase.
Exceptúanse os delitos de inxuria e calumnia contra os particulares, os que afectan á
integridade da patria, os cometidos contra a propiedade literaria e industrial e as
falsificacións.
c) Aos castigados por desobediencia, cando esta consistira en quebrantamento do
desterro imposto polo goberno (...).
Art.41. Decláranse extinguidos os arrestos e desterros que ao publicarse o presente
Decreto- lei se estean cumprindo como consecuencia de medida gobernativa adoptada
por autoridades civís ou militares.
AFONSO XIII. Real Decreto-lei [de amnistía a proposta de Dámaso Berenguer]. 5-2-
1930 [cast.]
58. Delenda est Monarchia
A lentitude e ineficacia do goberno de Berenguer en realizar as reformas
necesarias para o restablecemento das liberdades, intensificou as actividades e
denuncias antimonárquicas.
O error Berenguer. Non, non é unha errata. É probable que nos libros futuros de
Historia de España haxa un capítulo co mesmo título que este artigo. O bo lector, que é
cauteloso e alerta, terá xa advertido que o señor Berenguer non é o suxeito do error,
senón o obxecto mesmo. Non se di que o error sexa de Berenguer, senón máis ben ao
contrario: que Berenguer é o error, que Berenguer é un error. Son outros, pois, quen o
cometeron e o cometen; outros, toda unha porción de España, aínda que ao meu xuízo,
non moi grande (...).
A Ditadura foi un poder omnímodo e sen límites, que non só actuou sen lei nin
responsabilidade, sen norma establecida e nin sequera coñecida, que non se limitou ao
público, senón que tamén penetrou no privado de modo brutal e groseiro (...).
E a eses feitos responde o réxime co goberno Berenguer, cunha política que significa:
volvamos tranquilamente á normalidade polos medios máis normais, fagamos "como
se" aquí no pasara nada radicalmente novo, substancialmente anormal (...).
Pero esta vez equivocouse. Este é o error Berenguer. Ao cabo de dez meses, a opinión
pública está menos resolta que nunca a esquecer a "gran viltá" que foi a Ditadura. O
réxime segue solitario, atado, como leproso en lazareto. Non hai un home hábil que
queira achegarse a el (...).
Este é o error Berenguer, do que falará a historia.
E como é irremediablemente un error, somos nós, e non o réxime mesmo; nós, xente da
rúa, de tres ao cuarto e nada revolucionarios, quen temos que dicir aos nosos
concidadáns: Españois, o voso Estado non existe! Reconstruídeo!
Delenda est Monarchia [Hai que destruír a monarquía]
Xosé ORTEGA Y GASSET. O error Berenguer, El Sol. 15-11-1930 [cast.]