DO RÍO ZAMÁNS no PEGO NEGRO
-
Upload
iemminhor-minhoranos -
Category
Documents
-
view
226 -
download
3
description
Transcript of DO RÍO ZAMÁNS no PEGO NEGRO
APROXIMACIÓN AOS VALORES DO RÍO ZAMÁNS no PEGO NEGRO
Pura GonzálezNada na parroquia de Chaín (Gondomar)Ecoloxista e Profesora de Ciencias Naturais.
"Unha xeira para a inspección do río feita por voluntarios"
Trátase dun percorrido de 1300 m río arriba, dende o barrio do Río en Vilaza ata os Agunchos, de difícil acceso na meirande parte
do treito. O río vai encaixado e nalgúns puntos forma verdadeiros canóns entre as paredes de rochas nas que se aprecia o granito
en contacto cos paragneises. Considérase que este leito se formou a favor dunha falla tectónica.
A complicada orografía preserva esta paraxe da alteración
humana aínda que os restos de distintos tipos de lixo
poidan chegar a el. Trátase dun río que se despena entre
grades bloques de pedras e que aínda así atopa lugares
onde a agua aboia, ben en remansos naturais, ben nos
varios peiraos feitos ao longo dos anos en que o río era
recurso para a vida da xente das parroquias de Chaín e
Vilaza. O impresionante desnivel dende as estradas que o
bordean forma un lugar acubillado e arredado da luz que
probablemente dea lugar ao seu nome, pero tamén
arredado da vida das persoas de toda a veciñanza, e por
iso descoñecido para os máis. Estas características fan
que conserve un ecosistema particular e de alto valor.
As negras pedras do leito son o resultado das colonias de algas que cobren penedos o croios. O Carex pendula, planta dos ríos
sombrizos que noutros tempos era tan abondosa, ata o punto de que se apañaba para darlle de comer ao gado cando na época de
estío non había herba nos campos e é agora cada vez máis escasa nos ríos do sur do país, loce esplendorosa no medio deste río.
Abundan o loureiro, as abeleiras e as pereiras bravas, pero non deixamos de atopar carballos, amieiros, salgueiros e algúns
freixos. Infinidade de especies herbáceas, algunhas de gran valor, así como outras arbustivas, fan as delicias deste lugar. Pero o
ambiente de permanente penumbra, sempre sombrizo, fai que os fentos atopen neste lugar o seu perfecto hábitat, e de entre todos
habemos de destacar pola súa rareza a cabriña (Davallia cannariensis), pero, sobre todo, o aínda máis raro Vandesvoschia
speciosa, xa que é unha especie considerada vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
Carex pendula Vandesvoschia speciosa Davallia cannariensis
Da truita, do reo e da anguía dannos información os
pescadores que son quen de frecuentar este couto, da
raposa e da xeneta os naturalistas avezados seguindo o
seu rastro, e nós nas inspeccións periódicas, case seguro
que nos atopamos co melro rieiro (Cinclus cinclus) ou coa
lavandeira real (Motacilla cinerea). E tamén co visón
americano, xa que esta especie foránea colonizou os ríos
do Val Miñor fuxido das granxas que aquí houbo nos anos
setenta do século anterior. As libeliñas e cabaliños do
demo indícannos que a primavera xa chegou ao río.
Cinclus cinclus
Motacilla cinerea
Visón americano
Muíño de Sara (6 rodas)
Non menos impresionantes que os valores naturais son os elementos patrimoniais. Restos duns vinte muíños fálannos de como
era a vida no Val Miñor tempo atrás. Os de Vilaza, de doado acceso por varios camiños, traballaron ata os anos setenta do século
XX en réxime de maquía; aos que había que chegar por carreiros máis complicados convertéronse en ruínas xa antes, algún
deles, de gran valor etnográfico, moía xofre nos tempos anteriores aos produtos químicos na agricultura. Pero hai outros que
custa entender como chegaba aquí o gran e como de aquí saía a fariña. Pois si, eran enxeños dos nosos bisavós, e algún deles
sorprendente, con cubo circular, pedra a pedra ata unha altura seis ou máis metros. Os peiraos son outro belo elemento antrópico
hoxe xa totalmente integrado no leito fluvial, e as levadas agora teñen unha finalidade para a que non foron feitas, marcan os
únicos carreiros que pode ter o visitante! Ata os labores do liño viñan facer aquí os veciños de Chaín! E cando a necesidade
apertaba plantábanse verzas nos socalcos máis altos das bandas do río.
E a fábrica da luz! Construída en 1907 pouca vida tivo, pero
deixou pegada, non só na memoria colectiva, senón nos
elementos complementarios que aínda vemos no río e
arredores: unha mina que se abre na estrada e se dirixe
decenas de metros horizontalmente baixo terra tentou
complementar a forza da agua para a maquinaria. Tamén temos
unha fermosa parede que forma unha pequena presa á beira do
que hoxe son as ruínas da instalación eléctrica, e un quilómetro
máis arriba a presa que abastecía a chamada por todos "a
fábrica da luz de Pego Negro".
Fábrica d
a Luz
Porque non hai mal que por ben non veña, seguro que hoxe o bosque en Pego Negro é máis frondoso que nos tempos acabados
de describir: o abandono dos recursos do río xunto coa inaccesibilidade do lugar posibilitou a recuperación do hábitat natural.
Aínda así os eucaliptos e as acacias flanquean a fraga asediándoa, e aos pés a invasora africana Tradescantia xa lle comeu un bo
espazo ás plantas autóctonas, e a americana Bidens tripartita estase abrindo camiño.
Pero un problema que o río non tiña a principio do século
vinte é o lixo e o entullo, verdadeiras desgrazas do rural
galego. Rodas, motores, chasis e outras partes dun par de
coches espérannos en cada xeira ano tras ano. Porispan,
trapos, botellas de plástico e outros útiles domésticos
sorprendentemente chegan a este lugar recóndito como
resultado do arrebolado ás beiras das estradas río arriba.
Pero o colmo da actitude incívica, ambientalmente falando, son os depósitos de entullo e aterramentos á beira mesmo do río que
se fan de modo continuado e que tras cada denuncia dos cidadáns responsables aos organismos e autoridades competentes
persisten e se repiten no mesmo lugar. Na marxe esquerda do río hai anos denunciouse repetidas veces un aterramento que
medraba e medraba, e outras tantas veces continuouse con el, ata conformar un soar agora xa asfaltado. O resultado disto é o
entullo e a terra de mala calidade que baixou por unha pendente de case 90º ata estragar a vexetación desa ladeira.
Os organismos públicos non
teñen menos delito, xa que ao
arranxar unha das estradas,
preto da ponte antiga, as pedras
da obra foron parar mesmo ao
río. E nun treito máis arriba do
aquí descrito a destrución do río
foi total chegando a ser
entubado. As ricas marxes que
alí tiña o Zamáns son agora un
lugar de difícil descrición,
deprimente o que antes era un
remanso usado como espazo
de lecer por xente de aquí e de
fóra que viña nas fins de
semana, un espazo húmido de
alto valor florístico convertido en
vertedoiro de colchóns, mobles
tirados, ladrillos, aterramentos
etc etc etc.
Agora trátase da marxe
dereita, na que nos últimos
anos se pretende facer outro
soar onde de natural só hai
unha ladeira colgada. Co
resultado desta entulleira o
barro, lama, area e distintos
tipos de terra xa chegaron ao
leito do río, e os entullos
campan polas súas beiras.
Dende aquí pedimos protección para este espazo natural que debera estar perfectamente considerado no Plan Xeral de
Ordenación Municipal. Así mesmo pedimos que as autoridades velen porque a lexislación con respecto aos entullos se cumpra e
as denuncias non sexan papel mollado e non vaian pasando duns organismos a outros sen que ningún deles se faga cargo do
atropelo ambiental.
Temos déficit de espazos naturais preservados, e o Pego Negro merece esta consideración.